Polo miúdo, con estes cartos, o concello de Fornelos levará adiante a urbanización, ximnasio e pista de padel, cun orzamento total de 686.731,68 euros, dos que a Deputación investirá 549.385,34 euros e o concello 137.346,34 euros. Gondomar fará o proxecto de reforma da Praza da Paradela e da súa contorna cun orzamento total de 798.820,74 euros, dos que a Deputación porá 639.056,65 euros e o concello 159.764,09 euros. Nigrán contará coa nova Biblioteca Municipal cun orzamento total de 1.849.525,23 euros dos que a Deputación aportará 1.479.620,18 euros e o concello 369.905,05 euros. O Porriño poderá facer o módulo de atletismo cun orzamento total de 1.000.000 de euros dos que a Deputación investirá 800.000 euros e o concello 200.000 euros. E Soutomaior contará coa remodelación do campo de fútbol municipal de Arcade cun orzamento total de 352.098,40 euros dos que a Deputación aportará 281.678,72 euros e o concello 70.419,68 euros.
En total, serán 25 os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que recibirán 15 millóns de euros en subvencións da institución provincial para desenvolver un proxecto singular en cada termo municipal.
Carmela Silva recordou que as bases destas novas subvencións daban resposta á situación de falta de equilibrio entre os concellos da provincia de Pontevedra por mor das decisións arbitrarias dos anteriores gobernos. Ao respecto, a presidenta provincial destacou que “o Plan Concellos supuxo unha revolución, porque en dous anos puxemos a disposición dos concellos máis de 80 millóns de euros sempre garantindo o máximo respecto á autonomía municipal, pero precisábamos impulsar un maior equilibrio entre concellos debido a que desde que se iniciou a democracia nesta provincia as decisións non foron equitativas, non se tiñan en conta criterios obxectivos”. Por estes motivos, “e tendo en conta que como administración responsable que somos debemos traballar para impulsar a igualdade na distribución dos recursos”, presentamos en agosto esta nova liña de subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do equilibrio territorial dos concellos, con bases obxectivas, equitativas, transparentes, claras e en concorrencia competitiva para financiar un proxecto por cada concello, con achegas de ata un máximo do 80% do orzamento ou 1,5 millóns de euros.
A presidenta provincial subliñou que as subvencións están centradas nos concellos de menos de 20.000 habitantes porque, tal e como recolle a Constitución Española, as deputacións provinciais deben prestar servizos e garantir dereitos a estes concellos. Amais, Silva recordou que os novos fondos da Unión Europea, como o EDUSI, exclúen aos concellos de menos de 20.000 euros o que ocasiona que non poidan facer fronte a grandes proxectos e investimentos.
En liñas xerais, presentáronse a esta nova convocatoria de subvencións 43 concellos dos cales 25 (Catoira, Fornelos, As Neves, A Illa de Arousa, Campo Lameiro, Covelo, Barro, Crecente, Caldas, Vilaboa, Ponte Caldelas, Pontecesures, Moraña, Forcarei, Silleda, Soutomaior, Bueu, O Grove, Mondariz, A Cañiza, Meis, Rodeiro, Gondomar, Nigrán e O Porriño) se van beneficiar de achegas por valor de 15 millóns de euros para financiar 25 proxectos singulares, 6 millóns xa neste ano 2017, nos seus termos municipais. Os proxectos, tal e como informou Silva, van estar centrados na ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio. E todos eles son proxectos maduros e avanzados, aprobados nos respectivos concellos, con todos os informes en regra e prazos de execución claros xa que todos eles deben estar en fase de licitación antes de xuño do 2018 e executados antes de xuño do 2019.
De feito, quedaron excluídos da convocatoria 18 concellos que presentaron ou ben proxectos que non estaban desenvolvidos, nin maduros, nin avanzados; ou proxectos cunha contía superior aos 600.000 euros e tiñan convenios xa asinados coa Deputación de Pontevedra, ou ben incumprían os requisitos técnicos das bases das subvencións ou non corrixiron os erros subliñados polo persoal técnico da institución provincial. A Deputación de Pontevedra, tal e como adiantou a presidenta provincial Carmela Silva, aprobará xa no vindeiro pleno do 24 de novembro 6 millóns de euros para esta nova liña de subvencións. O importe restante distribuirase nas anualidades 2018 e 2019.
O vicepresidente César Mosquera asegurou, pola súa banda, que o plan de proxectos singulares da Deputación “é un salto cara adiante na política que fai a insitución provincial para os concellos” tanto pola contía do investimento como por ser “atinado nas necesidades que os gobernos locais tiñan maduras para poder contratar”. Segundo o nacionalista, o goberno da Deputación realizou unha estimación correcta dos proxectos que se podían adxudicar ao orzamentar unha partida de 18 millóns de euros -dos que se van conceder 15 millóns-, sabendo dos problemas que os concellos teñen para xestionar os cartos de xeito ordinario.
Neste sentido, manifestou a súa sorpresa pola falta de coñecemento das súas alcaldías e dos concellos en xeral por parte do Partido Popular, xa que os ‘populares’ aseguraran que o plan provincial de proxectos singulares era insuficiente “cando na realidade os cartos non se esgotaron”. “Non están axudando e colaborando para que nada funcione. Teñen alcaldías e deberían saber da súa capacidade de xestión. Non asumen que nós, chafalladas, as mínimas”, sentenzou Mosquera, que lembrou que na época de Louzán retíñanse cartos para os proxectos e despois deseñábanse as actuacións. “Nós imos desterrar ese funcionamento, porque a día de hoxe hai obras que se concederan ‘por cheque’ hai catro anos que están sen empezar. Hai que traballar e xestionar por proxectos e non ao revés”, subliñou.
Mosquera tamén quixo deixar claro que se un concello agora non se presentou ou quedou excluído das achegas “non perdeu nada” porque iso quere dicir que non tiña o proxecto feito. “Que se poñan a traballar para ter un proxecto completiño para 2018 ou para 2019. Terán moito avanzado e vai ser moito mellor para o Concello e a Deputación. Que traballen que ao final vano ter, vano ter seguro salvo que sexa un disparate”, augurou.