O Concello de Nigrán suma desde o 2 de abril e ata onte a organización de 38 ‘aniversarios de balcón’ para os máis cativos e anciás do municipio e bateu onte o seu record con 5 citas programadas con idades de 2 a 99 anos. A iniciativa, que arrancou o Concello o 2 de abril co pequeno Gabriel e que engadíu o día 10 aos máis anciás do municipio, consiste en convocar a través das redes sociais á veciñanza máis próxima para cantarlles e en desprazar a Protección Civil para entregar un agasallo, a maiores, para os de 5 a 16 anos se lles ofrece unha videochamada en directo do Mago Rey Midas.
Segundo inidica o Concello, desde o día 10 foron cinco os aniversarios de maiores e onte Esperanza García, con 99 anos, foi a gran homenaxeada ás 18:00 na súa casa do Quinteiro (Panxón).
«Consideramos que é de xustiza que os nenos e anciás sintan a nosa proximidade e a dos veciños no día do seu aniversario, gustaríanos chegar a todas as franxas de idade pero resultaría imposible, polo que nos centramos nestes dous colectivos que tan duramente están a sufrir o Covid-19 ou as condicións do confinamento», sinala o alcalde, Juan González, quen agradece a absoluta implicación e compromiso de Protección Civil nesta iniciativa municipal.
O sistema que se está a empregar é: as familias destes maiores ou os proxenitores dos nenos deben escribir a comunicacion@nigran.org indicando data do aniversario, nome, dirección e idade. «Para nos non é unha cuestión menor e estamos orgullosos de promover ese Nigran amigable e solidario entre toda a veciñanza», conclúe o alcalde.