“Marine Instruments representa o novo modelo produtivo que queremos desenvolver en Galicia que fixa tecido industrial a través da innovación, do coñecemento e da capacidade de industrializar os produtos que desenvolve”, asegurou o conselleiro. Cunha facturación próxima aos 40 millóns de euros, máis de 125 traballadores, dos que o 30% desenvolven labores de I+D+i, a súa rede de distribución comercial alcanza os 30 países.
Tal e como explicou, Marine Instruments está centrada no eido mariño -é lider mundial na produción de boias vía satélite para a pesca do atún- pero está a diversificar a súa actividade xa que é unha das empresas subcontratadas por Indra na primeira fase do polo tecnolóxico de Rozas e participa en varios proxectos como o Targus ou o deseño dun dron mariño.
Neste sentido, Conde explicou que a Xunta vai seguir apostando pola innovación e por outorgar facilidades ás empresas a través de proxectos como o de Rozas. Así, lembrou que nesta iniciativa público privada o obxectivo é mellorar a prestación de determinados servizos públicos grazas ás tecnoloxías para, ademais, impulsar a competitividade e o crecemnto económico da Comunidade. A medio prazo intentarase desenvolver un novo sector económico de alto valor engadido e a capacidade de crear emprego cualificado, potenciar a transferencia de coñecemento e posicionar Galicia como referente.
O conselleiro informou de que o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) vén de publicar cinco licitacións por importe de 7,2 millóns de euros para desenvolver unha serie de solucións tecnolóxicas baseadas en avións non tripulados que se poidan aplicar a servizo públicos, como o reforzo da seguridade marítima da frota pesqueira ou a automatización de mostraxes oceanográficas, entre outras.
“Temos que seguir apostando por sectores emerxentes como o aeronáutico”, afirmou e lembrou que Delta Vigo seguirá medrando en Galicia grazas a un proxecto de 24 millóns de euros, no que a Xunta achegará 5 millóns, para a construción da terceira planta na Comunidade e a cuarta en España.