O goberno de Nigrán aprobou este luns en sesión plenaria asumir a xestión directa do parking de A Ramallosa, que abrirá ao público nos vindeiros días. O Concello xa liquidou a pasada primavera a anterior empresa concesionaria, «Estacionamientos Valle Miñor SL» e decidiu xestionar directamente o garaxe, que conta con 357 prazas ubicadas en catro niveles. O plan municipal pasa por ofrecer catro horas de balde.
No pleno celebrado este 20 de decembro, tamén foi aprobado sen ningún voto en contra, o orzamento para o ano 2022, un documento con gran similitude ao aprobado no 2020 e que estaba prorrogado. Así, as contas ascenden a 15.583.996 € tendo en conta que nesta cifra están os investimentos de 1.818.754 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que inclúen desde un plan de asfaltados (702.800 euros) ao saneamento de Carreiro e Carousa (141.631 €), a restauración de 7 lavadoiros (128.959 euros) ou a mellora do paseo marítimo de Panxón (122.332 €). Os investimentos con fondos propios suman 327.000 euros e estarán destinados a abastecemento e saneamento, accesibilidade, beirarrúas, seguridade viaria, parques infantís, zonas verdes…
«Trátase dun documento vivo que iremos modificando ao longo do ano se hai necesidade, pero o importante é que a situación económica de Nigrán é envidiable, con débeda cero, sen ningún crédito e sen necesidade de subir impostos para atender á veciñanza», subliña o alcalde, Juan González, quen destaca entre as novas partidas un plan de formación por 80.000 €, 10.000 € para as comunidades de augas, 70.000 euros para a desinfección extra dos colexios ante a Covid-19, un programa de terapia canina no CEE Juan María por 12.000 euros ou tamén como novidade ‘Ledicia Cativa’ nos convenios de colaboración que se veñen realizando con entidades como Fundación Menela, CEE Juan María ou Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
«Polo demais é un documento moi similar, que mantén as mesmas partidas porque no 2020 funcionaron ben, pero que está suxeito a cambios ao longo do ano para responder de verdade ás necesidades da veciñanza, máximo neste contexto de incertidume sanitaria», incide o rexedor, quen destaca o aumento do capítulo destinado a persoal do Concello ao ter aumentado en 30 efectivos o número de traballadores municipais en departamentos como Urbanismo, Vías e Obras, Servizos Sociais, Deportes ou Tesourería, ademais de terse aprobado a histórica Relación de Postos de Traballo que permite mellorar os salarios dos máis prexudicados ata agora.
Novamente, o gasto social é o sinal de identidade do documento asignándose 540.000 euros a Axuda no Fogar, 30.000 euros para o programa municipal de estimulación cognitiva para as persoas con demencia, 25.000 euros a emerxencia social, 35.000 euros para gastos diversos en Servizos Sociais… «En resumen, a súa aplicación permitirá seguir mantendo os servizos municipais, con especial atención a aqueles destinados a sectores da poboación con menos recursos e tamén os vinculados co aporte e fomento de actividades que creen emprego ou beneficien á economía local», resume o alcalde.