Un total de sesenta alumnos de 4º da ESO do IES Val Miñor participan na campaña de promoción de promoción da lingua galega entre o comercio local de Nigrán.
O proxecto ‘Aquí tamén se fala’ xurdiu o curso pasado no IES Rafael Dieste da Coruña e procura rachar cos prexuízos que invisibilizan a lingua galega.
A rapazada exerce de dinamizadora da lingua visitando todo tipo de establecementos que traballan de cara ao público e queiran colaborar, para o cal deben colocar un cartel deseñado co lema “Aquí tamén se fala galego” e facerse unha foto que se promocionará nas redes sociais da campaña.
Neste curso sumáronse á iniciativa máis de 180 centros de ensino de toda Galicia, de xeito que abrangue todo o territorio.
En Nigrán, os estudantes saíron á rúa este martes, 27 de febreiro, desde o IES Val Miñor, visitando cafetarías, froitarías, carnizarías, estancos, tendas de pesca, veterinarias… e obtiveron unha moi boa acollida.
Case un cento de locais foron os que se sumaron á campaña de promoción do galego nesta primeira xornada nos núcleos de Nigrán e Panxón.
A partir de agora, a rapazada vai continuar co traballo de dinamización organizándose en equipos para visitaren os comercios das parroquias da localidade.