Na análise microbiolóxica da mostra de auga recollida o día 7 de agosto no areal de Praia América-Lourido confirmouse a presencia de ‘Escherichia Coli’ nunha proporción de >2.000 NMP/100ml, superando o valor aceptable establecido de contaminación.
Segundo a lexislación vixente, unha vez detectado o episodio de contaminación os concellos están obrigados a comunicar á poboación a situación con carteis informativos nos que ben se prohiba o baño ou se recomende absterse deste de forma temporal por contaminación microbiolóxica.
Este panel informativo deberá completar ao cartel coa cualificación sanitaria. Ademais, se manterán as condicións adecuadas das áreas peripraieiras e se exporá aos usuarios calquera outra información relevante establecida regulamentariamente.
A Xunta afirma que así se lle esixiu por fax o 9 de agosto ao alcalde de Nigrán, Juan González, catro días despois do primeiro análise negativo e sen que durante este tempo se informara da presenza de ‘Escherichia Coli’ aos usuarios do areal.
Ao día seguinte, o 10 de agosto, o Concello de Nigrán comunicaba formalmente a finalización do episodio de contaminación, segundo os análises realizados por persoal externo aos servizos de inspección da Xunta de Galicia.
Porén, os inspectores farmacéuticos de saúde pública, logo de comprobar o resultado analítico con contaminación microbiolóxica, achéganse a zona de baño de Praia América e constatan que non existe cartel que informe aos usuarios.
Ademais, observan que no lado esquerdo do areal hai presenza de algas en descomposición, plásticos e cabichas e detectan mal olor na desembocadura do Río Muíños (con medicións de 8.000 UFC/100ml), auga turbia con olor anormal e presenza de nenos bañándose no momento da inspección.
Segundo se recolle no acordo do expediente sancionador, os inspectores farmacéuticos visitan de novo a zona de baño de Praia América o día 11 de agosto e comunican que non existe ningún cartel que informe da prohibición do baño e que hai numerosos bañistas na auga e no río.
Conclusións
Nas súas conclusións, o servizo de inspección tacha de “grave irresponsabilidade” a ocultación aos bañistas dos episodios de contaminación por augas fecais en Praia América, ao tempo que advirten do elevado risco sanitario de que os usuarios se vexan afectados por cadros gastrointestinais e/o dermatolóxicos. Ademais, sinalan que as manifestacións restando importancia o vertido “agravan” o incumprimento da normativa sanitaria por parte do Concello de Nigrán.
A Xunta asegura que durante todo este tempo se lle requiriu ao Concello que tomará medidas para resolver os episodios de contaminación que afectaron ao areal de Praia América e o Río Muíños, este último aínda activo. Pese que se lle advertiu en numerosas ocasións que acoutase a zona contaminada e informase con carteis oficiais aos usuarios, se fixo caso omiso ata esta semana, cando procedeu o valado do perímetro.
Por estes feitos, sen prexuízo do que resulte da instrución, determinase o importe da sanción en 3.005 euros, cunha redución entre o 20 e o 40% no caso de que o Concello de Nigrán recoñeza a súa responsabilidade e pague a multa voluntariamente.