A deputada socialista Leticia Gallego denunciou nas últimas horas a “inacción” do goberno galego que «anunciou hai 13 anos» a redacción dun proxecto de rehabilitación do inmoble: “Como sigan así, os danos serán irreparables”.
Gallego sinalou que a Xunta eludiu comprometerse coa rehabilitación do Templo Votivo do Mar de Panxón, no Concello de Nigrán, obra cume de Antonio Palacios, na Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia. Segundo sinala a deputada, a directora xeral de Patrimonio Cultural rexeitou levar a cabo a súa rehabilitación, despois dunha pregunta oral da socialista Leticia Gallego na que pedía a rehabilitación deste inmoble.
A vicevoceira do PSdeG na Cámara galega denunciou a “inacción” da Xunta que anunciou hai 13 anos a redacción dun proxecto de rehabilitación do inmoble, pero non executou nada. “Como sigan así, os danos serán irreparables”, advertiu Gallego, tras incidir no deterioro “alarmante” que ten un conxunto arquitectónico que leva 85 anos en pé.
“Dende a Dirección Xeral de Patrimonio deberían actuar urxentemente”, subliñou a dirixente socialista, quen sinalou que o bispado de Tui-Vigo, malia acometer obras no edificio hai uns anos, “declárase incapaz de asumir o custo dunha intervención que debería ser profunda e imprescindible”.
Neste sentido, a socialista lembrou que, no ano 2009, o Grupo Parlamentario Socialista xa levou unha proposición non de lei á Cámara galega que fora aprobada por unanimidade e onde se instaba á Xunta a rehabilitar a igrexa, pero, incidiu, “non se cumpriu este acordo parlamentario, como xa ven sendo normal por parte do goberno de Feijóo”.
Cando “chove sobre mollado”, Gallego urxiu ao goberno galego “que pase dos ditos aos feitos”, xa que o Templo Votivo do Mar “ten o suficiente valor arquitectónico pola seguridade dentro da obra de Antonio Palacios como para que a Xunta colabore na súa rehabilitación”.