A artista de Baiona Lula Goce, internacionalmente recoñecida polos seus fermosos murais, comezou a pintar en Panxón a que será a súa maior obra na comarca do Val Miñor. Goce está a traballar xa nun muro de 200 metros cadrados de superficie situado na subida da rúa Gondomar (ao carón do cemiterio) e que estará rematado ao longo do verán.
Aínda que o municipio xa conta con intervencións súas na fachada do CEIP Carlos Casares ou a recente no Campo Municipal de Condomínguez, esta será a súa maior obra e a única a pé de rúa. Unha vez máis, como é característico na súa obra, as imaxes de crianzas e natureza mesturaranse nun trazo hiperrealista para trasladar á cidadanía unha mensaxe de respecto pola diversidade e amor polo noso medio e as orixes de cada un de nos.
Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola de Dóaa, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.