As bases mantéñense coma o ano anterior, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos. Para poder optar aos premios é requisito indispensable inscribirse previamente no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF ou DNI, certificado de conta bancaria ou xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social).
O Concello mantén a súa aposta de celebrar o desfile á noitiña e polo centro urbán. Así, este terá lugar o sábado 25 de febreiro ás 20.00 horas partindo da rúa Telleira, percorrendo Rosalía de Castro ata a estrada do Ceán, sendo a actuación de cada comparsa á altura da Casa Consistorial. Ao remate da última actuación terá lugar a entrega de premios. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día o desfile trasladaríase para o venres 3 de marzo (abriríase un novo prazo de inscrición).
O sorteo da orde de saída celebrarase o xoves 18 de febreiro no salón de plenos municipal ás 12.00 horas. O xurado, pendente da súa designación, terá en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. Pode quedar deserto algún premio e de haber menos comparsas que premios o número destes axustaríase.
As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello, no Departamento de Cultura ou na web municipal.