Todos os solicitantes puideron empregalas ao distribuír o tempo de uso ata un mínimo de 20 minutos por concerto. O seguinte evento será o día 14 tras pedilas o Concello de Poio para o concerto do artista arxentino Coti.
«A demanda incluso superou as nosas previsións, xa que se achegaron persoas xordas de tódolos puntos de Galicia e mesmo veraneantes para poder probalas no ChandeFolk e no Rock in Patos; foi un dos momentos máis emocionantes como rexedor poder ver a estas persoas bailar e vibrar ao son da música. No caso do concerto en Pontevedra de Rozalén fixemos un préstamo a este Concello despois de que unha persoa xorda nolo pedira e, a raíz disto, máis entidades nos solicitaron poder probalas nos seus festivais, como agora o de Poio para a festa da ameixa en Campelo con Coti», explica o alcalde.
Juan González, quen se amosa encantado de cedelas puntualmente «pero sempre baixo un protocolo que garanta o seu uso e mantemento correcto». «Antes de mercalas moitos concellos queren probalas, así que encantados de promover dende Nigrán que invistan nesta tecnoloxía inclusiva que, de seguro, acabará de ser de emprego habitual nos festivais», recoñece.
O Concello de Nigrán está á vangarda de toda España nas políticas públicas de accesibilidade sensorial trala adquisición destas cinco mochilas vibratorias dirixidas a que persoas con discapacidade auditiva poidan gozar da música, dun espectáculo, cine ou teatro. Esta novidosa tecnoloxía que transforma o son en vibracións estreouse en España nas derradeiras actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid e agora é Nigrán o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e de balde. A compra, cun investimento de 6.000 euros, forma parte do programa de goberno municipal ‘Un Nigrán para todos’ co que se traballa para eliminar as barreiras físicas e sensoriais na localidade.
“Dende o Concello de Nigrán estamos a promover e fomentar a cultura que ata agora non era accesible ás persoas xordas; queremos que os nosos festivais sexan inclusivos e esta nova tecnoloxía abre moitos camiños, polo que estamos moi satisfeitos de facer este investimento prioritario para noso xeito de entender a política”, sinala González. «Estou seguro de que dentro duns anos estas mochilas serán unha medida de accesibilidade obrigatoria para os concertos, igual que agora existe unha normativa arquitectónica á hora de deseñar espazos públicos», engade.
As diferentes vibracións que transmiten esta tecnoloxía de orixe francés e creación recente son transformadas grazas aos sons que reciben dende un equipo de son que conta cun transmisor UHF. Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas (implante coclear e/o audífono) non só sentirán as vibracións, se non que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo indutivo. As mochilas poden ir cargadas ás costas ou no peito e permiten que o usuario se poida desprazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas.