En Galicia dispoñemos, -subliñou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego-, dunha Unidade de Diagnóstico e Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas. “Dende 2014 temos o Centro de Servizos de Unidades de Referencia (CESUR), para diagnóstico e tratamento dalgunhas das 700 enfermidades metabólicas que, dende marzo deste ano, acaba de ser confirmado como centro experto europeo para tratar enfermidades raras. Este organismo ten como obxectivo impulsar os proxectos de investigación e a realizacion de ensaios preclínicos e clínicos neste tipo de patoloxías”.
“Centros como este de Santiago, e outros que existen na nosa Comunidade, destínanse a ofrecer a mellor atención ás persoas con enfermidades metabólicas e achegan unha mellor asistencia á cidadanía galega”, -destacou o conselleiro-.
O único fin está, -proseguíu Almuiña-, “en poder mellorar a calidade de vida dos que sofren estas enfermidades e reducir os obstáculos presentes e futuros cos que se poidan atopar”.
“O compromiso da Administración é firme, non podemos igualar en coraxe e determinación aos pacientes, ás familias e ás asociacións que conlevan diariamente estas enfermidades, pero sabemos que coa súa determinación e co seu exemplo nos seguirán inspirando para seguir a traballar, dende as nosas responsabilidades políticas, para acadar os obxectivos que todos compartimos”.
No acto estiveron presentes, tamén, Modesto Rodríguez, presidente da Asociación Fenilcetonúrica e outros trastornos metabólicos de Galicia (Asfega), e Luz Couce, directora da Unidade de Diagnóstico e Tratamento das Enfermidades Metabólicas Conxénitas, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.