O municipio acolle a cuarta das nove citas que se desenvolverán ao longo do ano no territorio nacional e que decidirá que catro competidores van á FMS internacional, estas ‘batallas de galos’ son vistas por miles de persoas en todo o mundo en streaming (máis de 100.000 persoas entre España e Sudamérica). Anteriormente a proba estivo en Bilbao e a seguinte xornada despois de Nigrán será Málaga. Nesta terceira tempada volvemos a gozar do bicampeón Chuty, Walls, Skone, Blon, Zasko, Errece, Bta, Force, e os recentemente ascendidos Bnet y Mister Ego.
“O ano pasado tivemos a oportunidade de acoller o evento e non o dubidamos porque non tiñamos nada similar na nosa programación e o certo é que foi un éxito absoluto, polo que estamos encantados de trasladalo a un espazo maior para que poida asistir máis xente. É un espectáculo digno de ver e que arrastra a moitísimos mozos, así que queremos seguir ofrecéndoo cada ano en Nigrán”, sinala o alcalde, Juan González.
Ata agora, non existía ningunha liga que englobase todas as competicións de rap como BDM, Red Bull ou Gold Battle. The Urban Roosters, xunto coa Freestyle Rap Federation revolucionou o sector dando forma a un circuíto de campionatos no que existe unha elite profesional e onde todos os demais freestylers teñan a oportunidade de ascender grazas ao seu traballo e esforzo.
Con esta iniciativa preténdese dar un paso máis cara á profesionalización do freestyle. As competicións de rap teñen cada vez máis público e enchen salas de concertos e eventos. Os participantes convertéronse en deportistas que demostran as súas habilidades e merecen ser tratados como os protagonistas doutros deportes.