O Concello de Nigrán demanda á Xunta de Galicia que inclúa o Templo Votivo do Mar de Panxón no Plan Turístico Xacobeo 21-22 do goberno central para a restauración de monumentos ante o seu grave deterioro. A comunidade ven de recibir 25 millóns de euros para este fin sen que figure entre os seus once proxectos anunciados a igrexa de Panxón pese a estar en verdadeiro risco de sufrir danos irreparables desde hai décadas e pese a que no 2009 se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia unha proposta non de lei para realizar no prazo máximo dun ano un proxecto técnico dirixido a súa rehabilitación.
A obra cume do arquitecto porriñés Antonio Palacios, considerado o gran mestre do rexionalismo, presenta desde hai décadas desprendementos nas vidrieiras provocados polo agretamento do encintado en todas as fachadas, ao punto de que o rosetón principal está forrado interiormente con mallas para evitar posibles percances e un dos anxos que coroa a torre indicando os puntos cardenais xa perdeu o rostro, ademais de presentar filtracións de auga.
«Resulta incríble que un monumento considerado como a obra cume de Antonio Palacios esté totalmente esquecido pola Xunta e en verdadeiro risco de que os danos sexan xa irreparables», advirte o alcalde, Juan González, quen incide en que por segunda vez a través do grupo parlamentario socialista volveuse a presentar esta semana ante o Parlamento unha proposta non de lei pedindo que se cumpra a aprobada por unanimidade na Comisión 4ª de Educación e Cultura do 18 de novembro de 2009 e que dicía: «levar a cabo no prazo máximo dun ano, un proxecto técnico que sexa fundamento para fixar o ámbito de rehabilitación do Templo Votivo do Mar de Panxón, para a posterior execución das obras de restauración, que deben comezar, á súa vez, no prazo máximo dun ano desde a presentación do proxecto de rehabilitación».
As axudas do goberno de España recibidas pola Xunta incluirán conventos de toda Galicia, mosteiros, a Catedral de Mondoñedo, un muíño en Sarria… «Non dubidamos de que estes monumentos o precisen, pero resulta chocante que non figure o Templo Votivo cando precisamente un dos problemas que aducía Patrimonio era que non tiña fondos propios para emprender unha restauración desa envergadura», lamenta o alcalde, quen subliña que se trata «dun dos bens patrimoniais máis senlleiros do municipio e mesmo da comunidade e, paradoxicamente, o que está máis en perigo».
Templo Votivo do Mar
Probablemente á obra cume de arquitectura relixiosa do galego Antonio Palacios (1874-1945), considerado un dos grandes mestres do rexionalismo e con obras recoñecidas internacionalmente como o Palacio das Comunicacións de Madrid ou o Círculo de Belas Artes. Palacios inspirouse no veciño arco visigótico que formaba parte da antiga igrexa de San Juan (e que el mesmo librou da demolición polo seu gran valor histórico) iniciando a construción do Templo Votivo do Mar dedicado á Virxe do Carmen en 1932 e finalizándoo en 1937. O seu estilo é complexo de definir, xa que recolle elementos de moi diversas procedencias, emprega a pedra espida dentro dunha tipoloxía rexionalista e destacan marcados trazos góticos e mesmo islámicos se observamos a trazaría interior da cúpula con policromía de inspiración bizantina e decoración neomudéxar (o construtor nigranés José Mogimes seguiu os seus deseños para, xunto aos mozos de Panxón, configurar os espectaculares mosaicos de azulexo que cobren as bóvedas do templo e que representan diferentes escenas: a Anunciación da Virxe, a Coroación, a Virxe do Carmen).