O municipio segue gozando ata o 31 da bandeira azul en Praia América, onde hai dous postos de salvamento e, polo tanto, dous socorristas, cumprindo o establecido por ADEAC. «Non é un problema das praias de Nigrán, senón das praias do Val Miñor. A realidade é que a contratación de 17 socorristas a través da Mancomunidade do Val Miñor é insuficiente para manter as bandeiras azuis en Nigrán e Baiona xa que, a punto de finalizar os contratos, moitos collen os días libres que lle corresponden e así é imposible manter o servizo ao 100%», explica o alcalde, Juan González.
O rexedor incide en que «as praias son seguras» porque tamén se conta con persoal de Protección Civil nos postos. «Debe quedar moi claro que a retirada en Patos e Panxón responde únicamente a un problema de xestión dos socorristas, a nada máis. Todas as praias están limpas e a calidade das augas é excelente segundo os análises destas semanas, o último de hoxe mesmo en Panxón», incide o alcalde, Juan González.
En calquera caso, ante o requirimento de ADEAC ante a constatación deste feito, o Concello de Nigrán acata a decisión de retirar as dúas enseñas e as remite a este organismo, tal e como se lle pediu. «Queremos seguir optando a elas e cumprimos ao 100% coas súas indicacións», engade.
O Concello de Nigrán fai unha valoración negativa do procedemento de concesión de subvencións por parte da Xunta, que retrasa cada ano a súa aprobación a un límite inconcibible, e tamén da posterior contratación da Mancomunidade.
Así, nesta ocasión foi imposible reunir os 27 socorristas solicitados para Baiona e Nigrán porque a selección da Mancomunidade a súa vez retrasouse ao máximo, aprobando só 17 aspirantes dos 21 presentados. «Está claro que o vindeiro ano teremos que buscar solucións ao marxe da Mancomunidade e da subvención da Xunta para garantir as bandeiras azuis, recorreremos a fondos propios para que isto non se repita», finaliza o alcalde.