Baixo o lema ‘Nigrán en Negro’ o consistorio propón «vestir» de loito os escaparates, maniquíes, mesas dos restaurantes ou mesmo o propio persoal traballador en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela.
O Centro Comercial A Ramallosa Siglo XXI xa confirmou a súa participación e a Asociación de Comerciantes Ovalmi colaborará tamén difundindo esta iniciativa entre os seus asociados e diversos centros educativos tamén se sumarán.
«Os establecementos comerciais e hostaleiros son os grandes protagonistas das nosas rúas, por iso precisamos a participación de todos, queremos mandar unha mensaxe unánime á veciñanza de denuncia e solidariedade, queremos un Nigrán libre de violencia», reflexiona o alcalde, Juan González.
Todo os establecementos participantes aparecerán xeolocalizados na web da campaña www.ennegrocontraasviolencias.gal e o Concello entregará aos mesmos material promocional. Aquel negocio que desexe participar pode facelo enviando un correo electrónico a cim@nigran.org cos datos do establecemento e da persoa de referencia ou chamando pola mañá ao Centro de Información ás Mulleres (986 383 081) agás o martes, que debe ser pola tarde.
O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres convidando aos diferentes gobernos a desenvolver actividades para sensibilizar á poboación.
O Concello de Nigrán súmase ano a ano a esta petición levando adiante diferentes campañas que teñen en común o rexeitamento absoluto da violencia de xénero. Nesta ocasión, ‘Nigrán en negro’ quere funcionar como símbolo de dor por tódalas mulleres que sofren maltrato ou son asasinadas, só dende 2003 a maio de 2017 rexistráronse 53 asasinatos machistas en Galicia e 780 en toda España.
O Centro de Información ás Mulleres do Concello de Nigrán –situado na Estrada pola Vía, 65- ofrece un servizo gratuíto de atención e asesoramento ás mulleres vítimas de violencia onde se informa e axuda cos recursos existentes (servizos policiais, sanitarios, psicolóxicos, xurídicos e sociais) garantindo sempre a máxima confidencialidade e o anonimato.