O Concello de Nigrán informou este mércores que xa procedeu a primeira hora da mañá a desprecintar os areais do municipio para permitir o paso de persoas despois de que estivesen pechados desde as 21:00 horas para previr calqueira concentración de San Xoan (o desaloxo non foi preciso ante o aviso por megafonía de que se pecharía ás 21;00 horas e a entrada de intensa néboa). Durante toda a noite, un dispositivo composto por 30 axentes da Garda Civil, 22 da Policía Local, 23 voluntarios de Protección Civil, unha patrulla do Servizo Marítimo e outra do Seprona controlaron que non se producía ningunha celebración nos areais e non se rexistrou ningún tipo de incidentes, destacando que ante a prohibición xa anunciada hai semanas de realizar fogueiras xa non se presentou xente. As dúas únicas actuacións da Policía Local e Guardia Civil foron para clausurar a convocatoria dunha festa privada a primeira hora da noite nunha casa particular.
O Concello de Nigrán lanzou a mediados de mes a campaña #VemonosNoSanXoan2021 para concienciar á cidadanía da imposibilidade de acudir a festexalo á praia de Panxón, polo que xa non se desprazou xente con este propósito pero «por precaución e responsabilidade» estableceuse este dispositivo.