Nigrán sitúase na vangarda dos municipios españois e europeos que fomentan verdadeiramente o uso das enerxías limpas entre os seus cidadáns, coa aprobación este luns da entrada en vigor efectiva da bonificación do imposto de rodaxe nun 50% para os vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como 0 emisións. Cómpre lembrar que Nigrán é dende maio o único municipio de Galicia que conta cun punto de carga público e gratuíto xestionado polo propio consistorio e, ademais, conta na súa flota con vehículos eléctricos.
Segundo informou o propio concellos, actualmente, no padrón de vehículos figuran catro ‘0 emisións’ e 60 ‘Eco’, e todos eles verían bonificado o seu respectivo imposto de rodaxe con esta modificación da ordenanza. Paradoxicamente, debido aos parámetros de CV e cilindrada que se teñen en conta neste imposto, hoxe en día un turismo híbrido está pagando máis ca un convencional. «Con esta modificación, un Toyota Auris híbrido pasaría de pagar 106 € a 53 €», exemplifica Diego García, edil de Medio Ambiente. «Trátase de incentivar entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións», resume o alcalde, Juan González, quen considera «un labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas».
Por outra banda, o goberno local aprobou tamén co consenso absoluto da corporación adherirse ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, cuestión que no último mandato tivera que quedar sobre a mesa ante o rexeitamento de parte da oposición. Deste xeito, o Concello intégrase no maior movemento mundial de autoridades para a loita contra o cambio climático, asumindo os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030. González é precisamente responsable da primeira concellería de Galicia Axenda 2030-Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, iniciativa da ONU que inclúe moitas medidas medioambientais que Nigrán quere reforzar dende a política local e que comprende, entre outros aspectos, formar parte deste pacto lanzado en Europa no ano 2008 e que reúne xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo (en Galicia está coordinado pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda).
Este plan inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na redución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de aguas residuais e dos residuos sólidos urbanos. Ademáis, o Plan de Acción implica o deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando así ao Concello de Nigrán para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso. O Concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despóis, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030.
Para acompañar tanto a elaboración do Plan de Acción como da súa implementación, o Concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición dos 313 concellos galegos pola Direccion Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina, a través do Centro de Asistencia aos Concellos e do Observatorio de Fondos e Convocatorias, asesorará o Concello de Nigrán, tanto na elaboración do Plan de Acción como na súa implementación.