O Concello de Nigrán vén de autorizar as obras para construír sendas electroliñeiras en Porto do Molle e Panxón, o que converterá ao municipio no primeiro de Pontevedra e o terceiro de Galicia (existe un punto nunha autoestrada lucense e outro nas aforas de A Coruña) en dispor de dispositivos de carga rápida (50 Kw/hora). Os traballos, a cargo da empresa instaladora nigranesa Aceuve, xa comezaron e estarán rematados nas vindeiras semanas.
Iberdrola procederá a explotalas a continuación cun prezo de mercado en torno aos 30 céntimos kw/hora (supón unha media de 15 euros por batería cargada, para o que se precisa menos de 30 minutos). Deste xeito, Nigrán sitúase novamente na vangarda das políticas medioambientais ao ser o municipio de Galicia con máis electroliñeiras (dispón desde 2018 dunha semi-rápida pública e gratuíta ao carón da Casa do Concello). Tamén se erixe nunha referencia en todo o país ao sumar oito postos de carga rápida en pleno núcleo urbano. Cómpre sinalar que o goberno local aprobou no 2018 unha bonificación do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos, etiquetados estes últimos pola DGT como ‘0 emisións’
«Non só somos unha referencia en termos de incentivar a sostibilidade medioambiental entre a veciñanza, é que isto fará que moitos viaxeiros se despracen ex profeso a Nigrán para cargar o seu turismo en menos de media hora», sinala o alcalde, Juan González, quen inaugurou en outubro de 2018 a primeira electroliñeira pública de Galicia a instancias do Concello, gratuíta para empadroados (a propia flota municipal dispón dunha furgoneta 0 emisións).
Estas dúas electroliñeiras en corrente continua de máis de 50 Kw/hora realizadas a instancias do Concello de Nigrán, unha situada en Arquitecto Palacios (ao carón do Pavillón) e outra no parque empresarial Porto do Molle (ao carón do edificio tecnolóxico) ocupan unha superficie de 50 m2 de terreo municipal e contan con dous postos para catro vehículos en total que poden cargarse simultaneamente (reservaranse as correspondentes prazas de aparcamento). Así, Nigrán disporá no vindeiro mes de 8 postos de carga rápida que se sumarán aos 2 de semi-rápida xa existentes. Todo o ciclo (reserva do conector, pago …) se xestionará de forma sinxela e intuitiva a través da aplicación de Iberdrola para Android e IOS.
«Porto do Molle é un parque empresarial tecnolóxico no que, loxicamente, se demandaba este servizo, e Panxón é un punto céntrico que facilita moito a loxística ao usuario, este lugar xa o contemplaba o Plan de Mobilidade do Concello», sinala o rexedor, quen incide en que «se trata de incentivar entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións». «É labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas mediante este tipo de iniciativas», conclúe.