A simbiose ioga, solpor e Patos volverá a producirse o vindeiro verán pero semanalmente e non quincenalmente como este primeiro ano. Así o garantiu o Concello de Nigrán ante as ducias de asistentes que acudiron á derradeira sesión de ‘Ioga e Meditación no solpor’ a cargo do mestre Madhana, pioneiro nesta disciplina en España.
Tras dous meses, a actividade foi pechada este mércores cun breve concerto previo a cargo da cantautora nigranesa Lucía Doval.
“A praia de Patos á tardiña revelouse como un verdadeiro lugar máxico para acadar unha paz espiritual e física a través do Ioga. A simbiose da actividade coa situación e os seus marabillosos solpores foi absoluta e tivo moitísima aceptación, polo que o verán que ven multiplicaremos as sesións”, valoran desde o Concello de Nigrán.
Ás 20:30 horas e entre semana a praia está xa moi desocupada, polo que no chegou a interferir en nada cos bañistas e, ao mesmo tempo, permitiu unha maior concentración e relaxación.