O Concello de Nigrán vén de lanzar unha campaña na que reivindica as tendas de barrio como lugar onde comprar de xeito seguro. No seu labor de promoción, a administración municipal elaborou carteis específicos que distribuirá en redes e nos propios locais e na que se detalla parroquia a parroquia as preto de 40 opcións de proximidade que teñen os veciños para adquirir os seus alimentos: pequenas tendas, froiterías, panaderías, carnicerías, peixarías… Moitas delas incluso ofrecen a posibilidade de entrega a domicilio.
“Cada un de nós ten a posibilidade de axudar ao pequeno comercio, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora. Son unha opción segura, próxima ao noso domicilio, están abastecidos e non se forman aglomeracións e, sobre todo, son os nosos veciños e nos recibirán cun sorriso”, sinala o alcalde, Juan González, quen garante que todo o subministro de alimentos que está a realizar o Concello procede destas tendas.
“Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo con vida as rúas. Porque axudas as persoas emprendedoras a manter a boia os seus negocios. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque aínda que agora o tape a mascarilla sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”. Estes son algúns dos motivos que o Concello ofrece nesta campaña para mercar no comercio de proximidade.