Esta actuación está financiada pola Deputación ao abeiro do Plan de Reequilibrio cunha achega de 1.479.620 euros, mentres o concello de Nigrán financia os 369.905 euros restantes. As previsións indican que a obra estará rematada entre o segundo e terceiro trimestre do ano.
O inmoble estase a construír nunha parcela do dentro do núcleo urbano que conta cun forte desnivel. Por iso, se crearán dous accesos ao edificio: un dende a praza cuberta da planta baixa e outro dende a Praza Rosalía de Castro.
A nova edificación, de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 metros cadrados, vai constar de catro andares: no baixo haberá unha sala de usos múltiples e un almacén; no primeiro estarán a sala de ordenadores, a hemeroteca, a recepción e a zona de préstamo infantil e xuvenil; no segundo situarase a zona de préstamo para persoas adultas; e no terceiro, unha sala de estudo.
Tal e como se explicou durante a visita, o carácter social e cultural desta obra queda reflexado na intención de crear unha biblioteca que albergue espazos dedicados, tamén, á celebración de distintas actividades para persoas de todas as idades e ao ocio infantil, como é o caso da aula multiusos que se situará na planta baixa do edificio.
Silva subliñou que “estamos ante un dos proxectos máis relevantes da provincia, polas características da edificación e pola súa singularidade. Vai ser unha referencia, un exemplo para os concellos da provincia, e nós estamos encantados e encantadas de financialo”.
Ademais resaltou que “a nova biblioteca vai garantir un novo servizo esencial para a veciñanza, pois Nigrán tiña unha biblioteca demasiado pequena que non satisfacía as súas demandas. A xente ten que ter servizos ligados ao estudo e a formación e onde poidan desenvolverse diferentes actividades culturais”.