O Concello de Nigrán, a través da concesionaria de limpeza, emprendeu a desifección integral dos accesos ás cinco residencias de maiores do municipio e da súa contorna inmediata, traballo que se manterá mentres continúe a crise sanitaria (ao igual que xa se está a facer nos accesos aos centros sanitarios, tendas, farmacias e mobiliario urbano). A administración que dirixe Juan González quixo salientar que asume “por completo” un labor que nas grandes cidades está a realizar a Unidad Militar de Emergencias (UME).
“Non temos ao exército pero desde o Concello de Nigrán queremos e podemos garantir estes traballos de desinfección. Os maiores son o colectivo máis vulnerable ante o Covid-19, hai que protexelos ao máximo e, no caso das residencias, son lugares especialmente sensibles onde é preciso extremar todas as medidas preventivas para que o virus non penetre”, indica o alcalde. No municipio existen cinco residencias: Bellavista Care (Priegue), vivenda comunitaria A Fortaleza (Nigrán), Stella-Maris San Rosendo (Panxón), Bodía (Nigrán) e Residencia Monteferro.
Paralelamente, o Concello incrementou desde a semana pasada a desinfección dos contedores de lixo para que esta non se limite ao exterior e inclúa o interior e, tamén desde a semana pasada e a requirimento municipal, a concesionaria desinfecta os accesos a supermercados, froiterías, panaderías, farmacias e centros de saúde. Desde o inicio da crise do Covid-19 xa se aumentara a desinfección de todo o mobiliario urbano do municipio, con especial atención ás paradas de autobús e aos colectores de lixo.
“Todas as zonas consideradas sensibles, que son aquelas nas que se concentra xente, reciben unha desinfección periódica co fin de evitar calquera posible propagación do virus. Nunha situación como a que estamos a vivir todas estas medidas son especialmente importantes”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.