Este mecanismo permite que o sinal acústico funcione só cando detecta a presenza doutro sinal de bluetooth procedente do teléfono móbil dun invidente, suprimindo así o inconvinte de que soe indiscriminadamente todo o tempo que está en verde para peóns e de que se elimine pola noite para evitar molestias aos veciños, como usualmente se fai. «É un paso máis dentro da nosa política de accesibilidade. Foi unha medida que nos pediu unha persoa invidente de Priegue e que non dubidamos en por en marcha porque forma parte da nosa visión de conxunto de ‘Un Nigrán para todos'», explica o alcalde, Juan González.
O dispositivo foi instalado en nove aparatos das rúas Rosalía de Castro, Estrada pola Vía, Val Miñor e Pablo Iglesias (escolléronse os pasos de peóns das zonas urbanas máis empregadas) por un importe total de 10.563 euros. Actualmente este sistema só funciona nas grandes urbes como Vigo e supón a gran vantaxe de que non molesta aos veciños e ao mesmo tempo está sempre operativo para quen o precisa nese intre, xa que o sistema tradicional consistía en apagar o sinal acústico toda a noite ou en reducir o volume, resultando polo tanto ineficaz.
«É un claro exemplo de como dende o Concello podemos empregar as novas tecnoloxías TIC para mellorar a accesibilidade e o día a día dos discapacitados», indica o alcalde, Juan González, quen engade que «a accesibilidade vai máis alá de facer beirarrúas». Así, dotouse ao Consistorio dun bucle de inducción magnética que inhibe ruídos de fondo ás persoas con problemas de oído ou se sinalizou a planta baixa con pictogramas de fácil comprensión para tódalas persoas, ademáis de por varandas en certas rúas, crear máis zona de aparcamento para discapacitados…
O sistema instalado pola empresa viguesa Esycsa evita a sustitución do semáforo, simplemente se acopla un pequeno módulo con altofalante integrado e con receptor de bluetooth. Ademáis, conta con receptor de radiofrecuencia para os que prefiran empregar un mando a distancia que facilita a ONCE aos asociados e que permite activar a petición de sinal acústica antes de chegar ao paso de peóns. «O mando lles da a tranquilidade de que non dependen da batería do móbil para que funcione o sinal acústico», indican dende a empresa. Asemade, calquera teléfono é válido para este uso, non é preciso que sexa smarthphone, simplemente é necesaria a modificación da configuración da sinal de bluetooth.