Tras lograr a transferencia antiga estrada autonómica da rúa Otero Pedrayo, o Concello de Nigrán está comezando a facer realidade a súa humanización, dando así satisfacción a unha demanda histórica da veciñanza.
A obra, que conta cun orzamento de 1.592.114 euros dos que a Deputación de Pontevedra achega 905.214 euros a través do plan ReacPon, vén de comezar nos últimos días. Ata a rúa Otero Pedraio achegáronse este martes o deputado provincial Carlos Font e o alcalde e Nigrán, Juan González, para comprobar os avances nunha actuación que encádrase no modelo de mobilidade amable, sustentable e segura que promulga a Deputación. Na visita tamén participaron representantes da asociación veciñal.
O proxecto abrangue a totalidade dos 1,6 quilómetros da antiga estrada autonómica, unha vía moi concorrida pola súa proximidade ás praias de Panxón e Madorra e que tamén serve como enlace entre as vías autonómicas PO-325 e PO-552, polo que deben combinarse os usos peonís, en condicións de calidade e seguridade, coa circulación rodada.
A calzada pasará, deste xeito, a contar cun carril de circulación por sentido con ancho mínimo de tres metros así como con zonas de aparcamento con ancho entre os 2,20 e os 2,50 metros. No que atinxe ás beirarrúas, estas terán un ancho mínimo de 1,80 metros e daráselles continuidade a través de materiais como pedra ou firme de formigón. Ademais, procederase ao asfaltado da estrada e sobreelevaranse os pasos de peóns.
O financiamento da Deputación tamén servirá para mellorar os servizos dado que están proxectados cambios nas redes de subministracións coa renovación integral das tubaxes de abastecemento de auga e saneamento, así como o soterramento do tendido eléctrico e telefónico. Ademais disto afróntase o cambio das luminarias, que contarán con tecnoloxía LED máis respectuosa co medio ambiente.
Aparte de solucionar os problemas que arrastra o viario, as obras servirán para dispoñer na rúa Otero Pedraio de masas vexetais e de mobiliario urbano, como dez papeleiras e dez bancos. Esta humanización completarase coa conversión dunha parcela municipal de 450 metros cadrados nunha zona verde de lecer destinada ao uso das e dos veciños. A parcela, que fai esquina coa rúa Costiña, contará con bancos e un novo parque de biosaudable.