Precisamente, Audeca é unha empresa especialista en restauracións hidrolóxicas con obras senlleiras a escala nacional como a recuperación do río Negro (Zamora), orzamentada en tres millóns de euros a cargo do Ministerio de Medio Ambiente e que supuxo unha mellora na calidade das súas augas, o acondicionamento da súa canle e, consecuentemente, a recuperación da colonia de náyades (especie de mexillón protexido).
As obras, que estarán rematadas en dous meses, comprenden 300.000 metros cadrados nos máis de dous quilómetros de curso medio en Porto do Molle e tres quilómetros no río Nespereira, contemplando dende á revexetación das súas ribeiras con técnicas de bioenxeñaría novidosas como o estaquillado de salgueiros ou trenzados, á creación de espazos de bosque natural (non sempre transitable) ou a instalación de bandas de protección con fibra de coco nas marxes e creación de pendentes naturais.
As distintas actuacións están destinadas a frear a enerxía do río en todo o tramo e, con elo, minimizar o impacto da erosión. Nesta liña, o equipo multidisciplinar liderado polo arquitecto Ángel Santorio e o enxeñeiro forestal Javier Santiago propuxo técnicas de drenaxe sostible baseadas no concepto de lagunaxe, é dicir, mediante a laminación de auga en brañas preexistentes ou creando lagoas artificiais ou humidais. Así, se priorizan os seus recursos naturais e non se lle engade ningún ornato artificial.
O proxecto inclúe a creación de núcleos de ocio e deportivos totalmente integrados na paisaxe e nos que destaca a construción dunha pista de atletismo e outra de skate-scooter, obras que xa arrancaron hai un mes.
“Trátase dun proxecto clave para este goberno cuxo obxectivo primordial é devolver ao río o seu equilibrio natural, fortemente alterado pola presión urbanística do polígono empresarial e da autoestrada, o que provoca cambios bruscos na súa hidroloxía que, a súa vez, alteran a paisaxe con rapidez, como se pode constatar no ecosistema dunar de praia América”, resume o alcalde, Juan González.