A petición da propia Alcaldía, a Policía Local da vila miñorana emitiu a semana pasada un informe no que se alude a un “posible perigo de desprendemento ante unha riada ou choiva’ cos conseguintes danos que podería causar tanto nas edificacións como nas vivendas que se atopan na saia do monte, así como nos vehículos que circulan pola Rúa da Igrexa e o Camiño das Pereiras.
Este informe foi remitido xa á Comunidade de Montes, propietaria do terreo e quen tamén deu traslado á Xunta deste tema. A súa vez. o alcalde trasladou verbalmente a inquedanza ao delegado do Goberno galego en Vigo, Ignacio López-Chaves, e aos técnicos de Patrimonio na súa visita á contorna a semana pasada.
Segundo se constata, na ladeira Sur e Oeste existen grandes pedras nunha zona que presenta unha forte pendente e que actualmente non conta con vexetación ou matorral. “O Concello trasladou o asunto a Comunidade de Montes, propietaria do terreo, e a súa vez pide a Xunta que o estudie inmediatamente para determinar se efectivamente existe un perigo real ou non é así. Non queremos alarmar a poboación, pero preferimos pecar de precavidos”, resume o rexedor, Juan González.
Segundo os últimos datos aportados dende as comunidades de montes, en Chandebrito só sobreviviron aos incendios do día 15 de outubro 2 hectáreas do total de 232 que hai de monte comunal, mentres que na parroquia veciña de Camos sobreviviron 20 dun total de 370 hectáreas comunais.
“As cifras dan información clara da magnitude do desastre para Nigrán”, apunta González, quen indica que os técnicos do Concello de Urbanismo e Desenvolvemento local son os encargados de asesorar aos veciños na tramitación das axudas para afectados que ven de aprobar a Xunta de Galicia.