O documento totalmente actualizado foi subido ao portal municipal tal e como foi enviado a Patrimonio, unha vez que resolva favorablemente será enviado a Medio Ambiente, Dirección Xeral de Costas, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia e Portos do Estado. «A previsión é ter todos os informes favorables en decembro e que xa no primeiro semestre de 2019 se poida presentar o documento á aprobación provisional do Pleno Municipal», resume Alfonso Botana, responsable da empresa redactora.
O goberno local mantivo durante o mes de setembro sete reunións informativas abertas á participación da veciñanza e celebradas nas súas respectivas parroquias co fin de dar a coñecer polo miúdo o documento antes de ser enviado a Patrimonio co catálogo de bens actualizado, tal e como fora requirido.
Tras estes encontros cos veciños, chega a quenda do Consello Sectorial comprometido polo goberno, ao que están chamados os diferentes partidos políticos, os portavoces das preto de trinta entidades veciñais, culturais, deportivas ou comunidades de montes. Ademais, acudirán responsables técnicos da empresa redactora Alfonso Botana S.L.
O obxectivo, en palabras do rexedor Juan González, “é informar de primeira man dos últimos avances acadados de cara a súa aprobación, xa que é un asunto clave para o futuro do municipio no que se busca consenso absoluto, transparencia e participación».