«Esta é unha das herdanzas que nos deixou o goberno de Valverde: dous recibos abusivos para os nosos veciños que nos non estamos dispostos a pasar nesas condicións e que xa rexeitamos no seu momento, por iso legalmente o temos que someter ao Pleno», sinala o alcalde socialista, Juan González, quen estando na oposición xunto con UCN e BNG obrigou a que a citada ordenanza do PP fose modificada na sesión do 25 de setembro de 2014, texto ao que agora se remite para que rixa tamén 2013 e 2014.
A taxa por entrada de vehículos a través de beiravías e reservas da vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, e por carga e descarga foi modificada polo goberno de Valverde (BOP 248, do 28.12.12) para aumentala ata un 200%, o que significa que unha vivenda unifamiliar pase de ter que abonar 22,05 euros ao ano a 70 (cuadriplicaría os ingresos do Concello por ese concepto). «Esa aprobación feita unilateralmente polo anterior goberno de PP afecta aos exercicios 2013 e 2014, recibos que ante as críticas recibidas e o impopular da medida deixou gardados nun caixón e que agora, antes de que remate o ano, si é obrigatorio cobralos», explica González.
Por todo elo, os socialistas levan a pleno a proposta para que estes dous recibos pendentes se cobren conforme á modificación de novembro de 2013 (forzada pola oposición de PSOE, BNG e UCN ao considerar abusiva a taxa anterior) e que é a que está actualmente en vigor.
Plusvalía municipal
«Os veciños non deben seguir pagando pola mala xestión tributaria do anterior goberno, por iso queremos arranxalo», resume González, quen sinala o paralelismo «coa recente proposta do grupo municipal do PP para multiplicar por dez o Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Naturaleza Urbana -coñecida como plusvalía municipal- no caso de herdanza, modificación que finalmente o voceiro popular decidiu non levala a pleno ao comprobar que non acadaría o respaldo suficiente. A gran diferencia é que antes tiñan maioría e agora son oposición», resume o rexedor.