«Somos os grandes esquecidos; Cangas primeiro e Redondela despois acadaron a fin da peaxe, pero a Xunta non considera esta cuestión para o Val Miñor, é un agravio comparativo», sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que o feito de que tódolos tramos da AG-57 teñan un custe impide que esta funcione como a verdadeira circunvalación que precisa a bisbarra. «A realidade é que sendo de pago non resulta un vial alternativo nin nos momentos de máxima afluencia na comarca», resume.
O goberno de Nigrán lembra que as circunvalacións das grandes áreas de Galicia son de balde, máxime cando unen cunha gran cidade. «A supresión é algo moi necesario para o día a día dos veciños do Val Miñor, pero é que ademais, no caso de Nigrán, resta competitividade ao Parque Empresarial Porto do Molle e fai que o tráfico de mercadorías discorra habitualmente por estradas convencionais, coa perda de fluidez viaria e merma de seguridade que conleva», sinala González.
O rexedor engade que «é a autoestrada que, de xeito máis rápido e directo, conecta o Val Miñor con servizos básicos como o hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade de Vigo, o aeroporto de Peinador ou o Parque Tecnolóxico de Valadares. Ir ao hospital ou á Universidade non pode significar para os nosos veciños un plus de desembolso con respecto a outras áreas, son todos servizos básicos aos que se chega en escasos minutos a través da AG-57».
En definitiva, segundo o Concello, a gratuidade da AG-57 permitiría que se empregase como verdadeira circunvalación beneficiando a toda a veciñanza da comarca, desconxestionaría o tráfico gañando ao tempo en seguridade e contribuiría á competitividade empresarial de toda a área.