O Concello de Nigrán celebra novamente o éxito da súa campaña municipal de concienciación ambiental #SanXoanSenLixo2022 ao amencer Praia América-Lourido libre de desperdicios, nunha imaxe practicamente idéntica ao 2019, derradeiro ano das fogueiras na praia e cando se estreou esta campaña.
Así, das 20 toneladas aproximadas de lixo xerado polos miles de asistentes, máis dun 95% foi depositado polos usuarios nos correspondentes colectores a pé de praia, echéndose por completo e concentrándose moitas bolsas ao pé dos mesmos. Grazas a estar todo recollido previamente, os operarios municipais remataron o seu traballo de retirar o lixo en escasas dúas horas, estando a praia limpa por completo ás 9:00, igual que no 2019 (anteriormente o labor se extendía case ata mediodía). “Cremos na concienciación e na educación da cidadanía máis que na prohibición e esta é a mellor proba, ata o ano 2019 ningún goberno local se molestara en desenvolver unha campaña ao respecto, e quedou demostrado que foi un gran acerto e que a mocidade responde, polo que a manteremos ano a ano”, recoñece o alcalde, Juan González, quen agradece a colaboración de Protección Civil difundindo a mensaxe durante a propia noite.
Os case 800 metros lineais de mallas que blindaban as dunas contaban con lonas informativas da campaña cun breve decálogo que o Concello vén repetindo en redes sociais e prensa desde inicios de xuño: “Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas tamén contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus”.
Paralelamente, tamén por segunda vez, o Concello de Nigrán instalou un ´Punto violeta’ no paseo marítimo de Panxón co obxectivo de informar, sensibilizar e previr calquera tipo de comportamento sexista que poideran sufrir as mulleres durante a celebración da festa.
«Consideramos un éxito rotundo que en Nigrán se consolidase a idea dun San Xoan máis sostible medioambientalmente e que non se repitan as imaxes previas a 2019», resume o rexedor, Juan González.