O Concello de Nigrán continúa coa súa campaña para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza apostando nesta Semana Santa pola compra de Pascua nas panadarías do municipio, todas elas con longa tradición na elaboración de roscas e listas para recibir encargos e incluso facer os envíos a domicilio.
Así, a administración local agasallará o domingo con roscas aos internos e traballadores da residencia de Tempo Libre de Patos (actualmente con maiores de Barreiro e Aldán), ao persoal do Centro de Saúde da Xunqueira e ás cinco residencias de anciás do municipio: Bellavista Care (Priegue), vivenda comunitaria A Fortaleza (Nigrán), Stella-Maris San Rosendo (Panxón), Bodía (Nigrán) e Residencia Monteferro. “Queremos ter un cariño especial co persoal sanitarios e con todas as persoas destes centros nestes momentos tan duros, agora máis que nunca precisan sentir a nosa proximidade e o noso cariño”, sinala o alcalde, Juan González.
O Concello elaborou carteis específicos que distribuirá en redes sociais e nos propios negocios na que se indica o teléfono de pedidos e as diferentes opcións por parroquias. “O Covid-19 non ten porqué limitar nin restrinxir esta tradición, non temos nin que saír da casa para encargar e seguir mercando a tradicional rosca, e con elo tamén axudamos aos nosos negocios”, indica Juan González.
O Goberno municipal lanzou a semana pasada unha campaña para incentivar as compras de proximidade como alternativa segura e, paralelamente, garantir entre todos a súa supervivencia futura do pequeno comercio. “Cada un de nos ten a posibilidade de axudar ao pequeno comercio, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora. Son unha opción segura, próxima ao noso domicilio, están abastecidos e non se forman aglomeracións e, sobre todo, son os nosos veciños e nos recibirán cun sorriso”, sinala Juan González, quen garante que todo o subministro de alimentos que está a realizar o Concello procede destas tendas.