Tras máis de dez anos sen ningún tipo de reparación pese ao mal estado que presentaba e as queixas, o goberno local decidiu renovar por completo toda a estrutura exterior, as porterías e as canastras por unhas novas antivandálicas de aceiro inoxidable fronte ás antigas de ferro. Así, todo o peche está realizado en tubo redondo de 73 mm de diámetro e os ocos se completan con taboleiro compacto. Por outra banda, as novas porterías son de tubo de 104 mm e con deseño antivandálico xa que, en vez de empregar unha rede para o fondo, este será tamén de tubo redondo de aceiro.
A pista multideportes da Alameda constitúe un dos elementos de ocio máis empregados do municipio para facer deporte, polo que o goberno local decidiu renovala por completo empregando materiais de máxima calidade como o aceiro, xa que a anterior de ferro foi oxidando debido á salinidade de todo o esteiro de A Foz.
“A antiga de ferro atopábase nun estado lamentable ofrecendo unha mala imaxe de toda a contorna, polo que consideramos que, en vez de reparala, era preciso unha renovación total de calidade . O aceiro garante a súa durabilidade sen prácticamente requerir mantemento algún e, por tanto, reducindo o seu custo a longo prazo. A isto hai que engadir a recente mellora no parque infantil do lado”, resume o alcalde, Juan González.
Así, o Concello ven de investir 22.000 € a través do Plan Concellos da Deputación na mellora do parque infantil contiguo á pista, que agora conta cun novo conxunto modular composto por torres con e sen tellado, ponte, dous tobogáns, barra de bombeiros con pasarela-tubo, balancín de muelles de 7 prazas e, ademais, os dous primeiros columpios inclusivos da comarca (ademais puxéronse dous para bebés e outros dous convencionais) Compre salientar que neste 2017 o Concello de Nigrán habilitou tamén nesta na parroquia unha praza pública e parque infantil bautizado como “Parque da feira”, situado na rúa Damas Apostólicas e no que investiu 72.000 €.