En total, analizáronse 36 fontes nestas parroquias e só 6 aínda non son actualmente aptas -Escampado, Levada, Reboreda e Río, en Camos; Pracíns de abaixo e Regueiro, en Chandebrito). Entre as últimas recuperadas figuran Fonte da Cruz, Borreiros, Tomadas ou o Castro. Tralo incendio do 15 de outubro e, debido á forte seca, só se puideron analizar 21 mananciais.
Esta información foi trasladada xa ás entidades veciñais das parroquias e o Concello procederá inmediatamente a sinalizar cada unha delas, repetíndose periodicamente as análises para manter unha información actualizada. En calquera caso, o consistorio pide á veciñanza que preste atención á sinalización e non beba mentres se indique unha fonte como non apta para consumo.
Nigrán repartiu máis de 70.000 litros de auga nas parroquias de Chandebrito e Camos as semanas posteriores aos incendios. Ademais de afectar ás fontes, o incendio destruíu canalizacións de traídas comunais e mesmo dos seus depósitos, motivo polo que os veciños de Chandebrito e boa parte dos de Camos quedaron sen auga, xa que nesta zona non hai abastecemento municipal.