Así, os veciños e visitantes poderán descubrir novos petroglifos completamente descoñecidos ata hai un ano, moitos deles só referenciados por algúns expertos pero inexistentes para as institucións e incluso ocultos á vista pola maleza.
Os tres percorridos nacen grazas ás novas perspectivas xurdidas tras esta recente catalogación arqueolóxica na que se descubriron dez importantes achados prehistóricos, todos eles petroglifos que estaban sen documentar (analizáronse 170 elementos en todo Nigrán, máis do 90% consistentes en gravados, o que constata a gran riqueza patrimonial no municipio).
Estas novas rutas foron deseñadas despois de realizar unha selección na que, ademais do consabido interese arqueolóxico, se reúnen elementos naturais, paisaxísticos ou de cultura popular que resultan atractivos para unha gran cantidade de público. Así, os itinerarios configuráronse mediante indicadores que sinalizan a dirección dos mesmos e, nos puntos exactos que se queren promocionar, instaláronse paneis explicativos (mediante códigos QR se pode ampliar a información virtualmente).
Na ruta Panxón-Monteferro recóllese unha oferta variada, tanto dende o punto de vista arqueolóxico (xacementos da época medieval, romana, castrexa e prehistórica) como paisaxístico (liña de costa e montes de piñeiros), naturais (áreas como Punta Lamela) ou etnográficos (Faro da Meda, baterías de defensa…). O trazado, de 4,4 quilómetros, iniciase en Panxón co arco visigótico e remata no petróglifo das Penisas Pequenas (Monteferro).
O percorrido Outeiro Grande (parroquias de Priegue e Camos) é de 4,72 quilómetros e céntrase especialmente nos petróglifos porque é unha zona de gran concentración, ademais de ofrecer espectaculares vistas panorámicas da costa e un dos escasos túmulos identificados no Concello. Pasa polo Rouxo ou barrio da Mámoa.
O itinerario de Chandebrito, de 5 quilómetros, tamén ten nos petroglifos o seu maior atractivo, pero goza de características propias que o individualizan: os motivos dos gravados son máis variados (hai incluso representacións de animais, como o cervo milenario de ‘O Sueido’ que se atopa nun cortello privado) e se engade o propio valor da aldea tradicional do barrio da Igrexa ou do Castro de Chandebrito coas súas impresionantes vistas.
“O obxectivo que se pretende é difundir a riqueza neste eido ao tempo que se promociona o respecto aos xacementos e se preservan. Paralelamente, amplíanse as posibilidades turísticas de Nigrán dándolle un pulo non estacional”, sinala o alcalde, Juan González.