O Concello de Nigrán, a través da Asociación de Empresarios Ovalmi, vén de asinar coa plataforma de comercio electrónico Dbarrio un acordo que permitirá que 50 establecementos da vila se adhiran de balde a esta aplicación para engadir ao seu servizo o envío a domicilio e, con elo, fortalecer ao pequeno comercio local.
Ademais de financiar estas 50 licencias durante un ano, a administración local tamén subvencionará a dous transportistas para que ao consumidor final de Nigrán non se lle engadan gastos de envío ás compras realizadas no Val Miñor, ofrecendo así unha vantaxe competitiva sobre outras plataformas e incentivando con elo a compra de proximidade, obxectivo último da iniciativa. Os interesados en sumarse a Dbarrio deben inscribirse a través do enderezo electrónico secretariap@nigran.org a partir deste venres. As prazas se cubrirán por rigorosa orde de chegada.
A proposta desta plataforma nacida en Vigo hai menos dun ano foi pedida en Nigrán pola propia asociación de empresarios Ovalmi, quen considerou a vantaxe de unir forzas os tres municipios para que Dbarrio consolide o comercio electrónico de proximidade en toda a comarca (Gondomar xa está adherido e Baiona tamén se sumará).
«O Covid-19 acelerou esta iniciativa e subliñou a importancia de poder comprar a domicilio, pero o que buscamos é afianzar este comercio electrónico de carácter local e que permaneza como o xeito máis sostible e responsable de consumir empregando as novas tecnoloxías. Subvencionando o transporte, ademais, facemos que realmente sexa moi interesante para o cliente de Nigrán comprar no Val Miñor porque, a diferencia doutras plataformas, non lle suporá ningún custe extra o envío a domicilio das súas compras. Ademais, tratándose de comercio local, manéxanse tempos de envío que ningunha outra plataforma de caráter internacional pode superar, en menos dunha hora incluso o podes ter na casa», incide o alcalde, Juan González, quen destaca que DBarrio funciona para todo tipo de negocios: desde froiterías, tendas de alimentación ou restaurantes a comercio de moda ou perruquerías (poden venderse tamén servizos a domicilio, non só produtos).
Unha vez que se formalicen as 50 licencias os establecementos poderán comezar a operar con Dbarrio case inmediatamente xa que, eles mesmos, mediante unha sinxela aplicación, subirán imaxes dos seus produtos ou servizos e realizarán unha descrición dos mesmos, xa que a web funciona como una tenda electrónica con espazo para cada negocio coa súa propia URL, así que cada establecemento ten unha microweb a través de onde facer e xestionar pedidos sen ter que preocuparse polo transporte, xa que está formado por persoas autónomas que ofrecen o seu servizo e as súas propias tarifas (no caso de Nigrán, o Concello subvencionará dous para que aos veciños non lle supoñan un custe extra eses envíos de toda a comarca).
Ademais, entre os compromisos do Concello está subvencionar formación en comercio electrónico e uso de novas tecnoloxías nos establecementos adheridos. Paralelamente, DBarrio ten o compromiso de doar o 5% dos seus beneficios na comarca a entidades ou asociacións sen ánimo de lucro, tal e como o recolle os seus propios estatutos.
«En definitiva, trátase de adaptar ao pequeno comercio de Nigrán á realidade do comercio electrónico ofrecendo vantaxes tanto aos establecementos como aos clientes co obxectivo de promover as compras de proximidade tamén vía online», resume o alcalde, Juan González.