Este espazo natural vertebrado pola fraga do río Táboas situarase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas). O obxectivo é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados.
De cara a ter finalizado o parque en dous anos, Nigrán propón a realización e financiación do mesmo en dúas fases, dedicando o primeiro ano (xuño 2019-maio 2020) fundamentalmente á erradicación completa das especies invasoras (constituída fundamentalmente por eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións e, unha segunda fase (xuño 2020-maio 2021) á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…
O grave incendio de 2017 asolou todo este espazo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro (especie que quedará erradicada) coma o bosque autóctono de ribeira e as plantacións realizadas de coníferas e frondosas. Actualmente está cortada practicamente toda a madeira que se queimou e o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros.
A fin é que grazas á pronta intervención humana se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a manter un microclima húmido coa restauración da cuberta arbórea.
Medidas
O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)
Os traballos para recuperar a fraga arrancarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores queimadas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na parte central do parque, en 6,5 hectáreas, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras.
Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos estarán tamén presentes para eliminar a produción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de produción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobres.