Os afeccionados terán unha nova oportunidade para disfrutar da música de Carlos Núñez nun entorno privilexiado como é Monteferro. As entradas para o espectáculo do 15 de agosto coincidindo co solpor esgotáronse en tempo récord, polo que o gaiteiro ofrece por vez primeira unha segunda sesión de ‘Lugares Máxicos’ e en horario matinal o domingo 16.
Os interesados xa poden adquirilas a través de Ataquilla por un prezo de 20 €. Igualmente, o evento forma parte da xira ‘Lugares Máxicos’ e do circuíto Cultura no Camiño, sendo a primeira vez que o gaiteiro ofrece unha segunda sesión e neste horario (11.00 horas). Coma o do sábado, será cun aforo moi reducido por mor das circunstancias sanitarias e polo propio espírito destes concertos nos que o músico galego busca unha especial sinerxia co público e a natureza.
“Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza. Monteferro é todo un santuario frente ao mar que garda mensaxes milenarias debuxadas nas súas pedras. Segundo os arqueólogos, os seus petroglifos falan de historias fascinantes tan variadas que van dende a coroación dun rei na prehistoria, ate ritos de fecundidade. Agunhas das formas daquelas cerimonias perviviron nas nosas músicas, que sobreviviron a través da tradición, como as alboradas, que evocaremos neste concerto único matinal”, sinala o propio Carlos Núñez, quen ten tocado dentro desta xira ‘Lugares Máxicos’ en espazos tan singulares como o Mosteiro de Oseira, o Dolmen de Dombate ou a Catedral de Mondoñedo.
Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, non se disporá de WC e só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa contorna.
Medidas de seguridade
O Concerto seguirá rigorosamente todas as medidas de seguridade Covid-19, con distanciamento entre asistentes non conviventes, direccións de entrada e saída diferentes, uso obrigatorios de máscaras… Recomendando a organización encarecidamente chegar ao concerto con antelación suficiente para evitar calquera aglomeración, polo que o recinto estará aberto desde unha hora antes.