Deste xeito o programa de envellecemento activo, no que participan nenas e nenos, nais e pais e avós e avoas de 44 concellos da provincia de Pontevedra creando espazos de encontro interxeracionais, impartirase ata o vindeiro 15 de xaneiro en 16 desas vilas, en concreto Arbo, Baiona, Barro, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Gondomar, Illa de Arousa, Moaña, Mondariz, Nigrán, Ponte Caldelas, Pontecesures, Rodeiro, Soutomaior, Valga e Vilaboa.
Ademais tres concellos, Cerdedo-Cotobade, Nigrán e O Rosal, solicitaron poder impartir un segundo obradoiro debido á alta solicitude de participación nos mesmos. Neste senso, destacan casos como o de Nigrán, na que xa comezou un dos dous obradoiros de “Sabores do mundo” e no que se inscribiron 57 persoas, cando o número máximo de participantes por cada unha das actividades é de 30.
A presidenta, Carmela Silva, asegurou que “Tecendo lazos é un éxito notable e, ademais, un programa moi relevante, xa que o que consegue é pór en contacto a distintas xeracións para que as persoas máis novas poidan aprender das maiores, e que estas se sintan moito máis integradas e útiles”. Ademais, asegurou, “Tecendo lazos” “permite que todas esas experiencias, todo o seu coñecemento acumulado, non se perdan e poidan facer a súa achega á construción dunhas sociedades mellores”. Por iso, rematou a presidenta provincial, “imos permitir que todas as persoas que se inscribiron poidan participar neses obradoiros”.
Lembramos que “Tecendo lazos” ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo, mellorando a actividade física, cognitiva e social das persoas maiores e, entre as máis novas, as súas habilidades sociais e empatía de cara ao resto das xeracións. O programa tamén ofrece un espazo de encontro e intercambio de experiencias que potencien movementos de participación e cooperación social a través de talleres englobados nas áreas “Risos en familia”, “Coas mans nos pucheiros”, “Álbum familiar”, “Brincadeiras de sempre” e “O noso son”. “Tecendo lazos”, ao que se adheriron un total de 44 vilas da provincia de Pontevedra, está dirixido ás persoas residentes dos concellos de menos de 20.000 habitantes e conta cun orzamento da Deputación de Pontevedra de 60.000 €.