Entre as súas denuncias, Vidal Otero culpaba á Policía Nacional da morte das dúas anciáns. Nesta cuestión, a formación política quixo “solidarizarse” co presidente da comunidade de montes e considerou “inadmisible” que “ante o cúmulo de decisións erradas que provocaron ese caos, os sindicatos policiais SUP e UFP se atrevan a amedrentar a un representante veciñal por ter a valentía de trasladar o malestar e indignación da veciñanza de Chandebrito ante o acontecido nesa parroquia”.
Dende o BNG de Nigrán comprenden que a situación era “extrema” pero cren que iso se puido ver agravado pola falta de formación dos axentes. “Non é doado tomar decisións, máxime cando os efectivos policiais desprazados carecían da preparación axeitada e do necesario coñecemento do terreo”, asegura sobre este tipo de situacións o voceiro do partido na vila miñorana, Xavier Rodríguez.
“Á luz do acontecido para o BNG é obvio que no caso de Chandebrito fallou o operativo de emerxencias e que unha desafortunada decisión de desaloxo por parte dos efectivos policiais desprazados tivo como consecuencia a morte de dúas persoas”, prosegue.
En palabras do portavoz municipal do BNG en Nigrán, “entendemos que se falla o dispositivo de emerxencias e se toman decisións erradas que ocasionan a perda de vidas humanas non hai razón algunha para outorgar ningún tipo de galardón ou recoñecemento. En todo caso, se alguén o merece é desde logo a veciñanza de Chandebrito que se enfrontou practicamente soa á extinción do lume».
Ademais, Rodríguez tamén culpou á Xunta de Galicia da falta de medios existente para combater os incendios e caos que iso xerou. “O lume asolou completamente esta parroquia e provocou unha situación de emerxencia e tensión entre a veciñanza ao ver que perigaban tanto as súas vidas como as súas vivendas por mor da evidente carencia de medios para facerlle fronte ao lume, ante o desamparo ao que os condenou a pésima xestión do goberno Feijóo”, denunciou.
Artículo relacionado: «Es insultante que se premie a los policías que acudieron a Chandebrito cuando fueron los responsables de las muertes»