A maiores, a administración local cubrirá nos vindeiros días os postos de conserxe de tres colexios de Nigrán vacantes dende o 10 de xaneiro, para o que se realizará unha contratación urxente empregando o listado da última selección de interinos.
«A novidade deste ano é que tanto os peóns forestais como os conserxes cobrarán máis do que marca o propio convenio porque se aplicará o Salario Mínimo Interprofesional vixente, que é superior (no caso dos albaneis rexiranse polo convenio porque así resulta máis beneficioso para eles). Solicitamos o número máximo que nos correspondía porque, ademais de mellorar a súa empregabilidade, o seu labor reverterá nunha mellora da calidade dos servizos municipais», resume o alcalde, Juan González.
O Concello xa trasladou oficialmente a demanda ao Servizo Público de Emprego e o proceso selectivo levarase a cabo a través da oficina de Baiona dentro da máis absoluta transparencia co obxectivo de que inicien o seu traballo a finais de marzo. Acorde ás bases establecidas, darase prioridade ás vítimas da violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas con familia monoparental con fillos ao seu cargo, persoas cos niveis de renda máis baixas ou ás que teñen cargas familiares. O salario oscila dos 800 aos 1.409 euros dependendo da xornada e táboa salarial, contemplándose 7,5 meses para os desbrozadores e nove meses para albaneis e conserxes estes último un 75% da xornada).
Entre as labores que desenvolverán a xornada completa os 15 peóns forestais (perfil ao que atenderá a Oferta Pública de Emprego do Concello de Nigrán) atópase a conservación dos bens municipais, o mantemento das estradas, camiños e roteiros en perfecto estado, poda de árbores ou arbustos, a protección do medio ambiente ou a preservación das instalación escolares ou zonas verdes. A duración do contrato será de 7,5 meses.
Os seis oficiais de obras integraranse a xornada completa no equipo do Concello oito meses a xornada completa co obxectivo de traballar na execución de elementos construtivos, o que inclúe eliminar escombros, carga e descarga de materiais, montaxe e desmontaxe de estruturas temporais, preparación de morteiros, cavar buracos, gabias, acequias… Todo elo con especial atención ao mantemento das diferentes instalacións públicas.
Finalmente, contrataranse tres conserxes durante nove meses en xornada de 30 horas/semana para o CEIP Carlos Casares, Mallón e da Cruz, en Camos. O seu traballo centrarase no reparto e recollida de correspondencia, fotocopias, escaneado, atención telefónica e presencial, colaborar cos docentes na entrada e saída dos menores, nos recreos ou nas actividades do centro.
A elección destes tres perfís fundaméntase na necesidade do Concello de manter axeitadamente os servizos municipais nun tipo de áreas no que o persoal habitual do Concello resulta insuficiente. O obxectivo paralelo é que os beneficiarios melloren a súa capacitación e, con elo, as posibilidades de incorporarse ao mercado de traballo ordinario tras rematar no Concello.