Esta acción se encadra nos tres principais compromisos do goberno: transparencia, participación e diálogo, aspectos que as novas tecnoloxías deben favorecer. Os lugares seleccionados para permitir a conexión gratuita a internet sen necesidade de cableado son a Praza do Concello, o parque de A Ramallosa (no entorno do centro da terceira idade), o entorno do Pavillón Municipal de Deportes en Panxón e o da propia Biblioteca Municipal. Os usuarios deberán rexistrarse previamente e obterán acceso directo á nova web municipal, permitíndolles navegar libremente pola rede. Ao mesmo tempo, as diferentes conexións proporcionarán ao Concello información relevante sobre os intereses dos veciños e visitantes de cara a implementar cada apartado.
«Concebimos o acceso a internet como un dereito máis das persoas e entendemos as tecnoloxías da información como unha canle para facilitar a vida ás persoas, así que na medida das posibilidades do Concello queremos proporcionar puntos de acceso libre e gratuito en parques ou espazos municipais, como xa sucede nas cidades máis cosmopolitas do mundo. A idea é ir aumentando o número de lugares nos que a xente se poida conectar; hai que ter en conta que é unha medida que beneficiará aos veciños primeiramente pero tamén aos visitantes, especialmente aos estranxeiros, que aforran costes engadidos e poden obter información do municipio inmediata», sinala o alcalde, Juan González. Compre sinalar que o Wi-Fi de acceso gratuito e libre comezou a súa andaina no 2005 en Tallín (Estonia), seguido de Helsinki, Londres, Barcelona… «É unha tendencia imparable, signo de modernidade, á que se irán sumando cada vez máis cidades e pobos, independentemente do seu tamaño», engade González.
Web municipal
Por outra banda, o Concello renovará totalmente a páxina web municipal, actualmente obsoleta e, polo tanto, non válida para proporcionar moitos servizos básicos que facilitarían a vida ao cidadán. O obxectivo é que a nova sirva como un mellor e máis claro punto de acceso á sede electrónica e ao portal de transparencia, e que dende ela se poidan realizar a maioría dos trámites, pagamentos, consultas de datos, novas ou trasladar as queixas e suxerencias. «Actualmente non podemos ofrecer moitos servizos, o obxectivo é que a nova sirva como unha xanela aberta ao mundo e a todos aqueles visitantes que desexen conocernos un pouco máis a fondo pero, sobre todo, debe servir de instrumento útil para os veciños de Nigrán», sinala o rexedor.