O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a 1ª tenente de alcalde de Nigrán, Raquel Giráldez, asistiron a colocación da cruz despois de ser restaurada no taller da empresa BIC Materiales y Conservación S.L., que tamén procedeu a limpeza do pavimento e a retirada das pintadas.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia deu o pasado mes de febreiro luz verde ao proxecto para a restauración do cruceiro, polo que técnicos da empresa BIC Materiales y Conservación S.L. recolleron os brazos do cruceiro depositados nos concellos de Baiona e Nigrán, así como o brazo que permanecía na súa situación orixinal para reconstruír a peza e colocala de novo no seu lugar.
“O cruceiro e a ponte románica de A Ramallosa é unha das grandes xoias do patrimonio cultural do Val Miñor, por iso hoxe é un día importante. Agardamos que non volva a sufrir ningún ataque intencionado, pola nosa banda dende os Concellos tomaremos todas as medidas ao noso alcance para evitalo”, sinalou Raquel Giráldez.
Rodal, pola súa banda, insistiu na necesidade de protexer o patrimonio. “É un valor vital do patrimonio cultural do Val Miñor, unha ponte de unión co paso de moitísimos peregrinos que valoran moi positivamente a paisaxe e a conservación e posta en valor desta xoia ao seu paso a Santiago, polo que é deber de todos impedir que sufra ataques vandálicos”, apuntou o rexedor baionés.
A restauración tivo un custe de 3.500 euros que asumirán os concellos de Baiona e Nigrán e inclúe tamén a limpeza do pavimento da ponte románica como das pintadas.
Patrón dos navegantes
San Telmo, patrón dos navegantes, foi o promotor da reconstrución da ponte entre os anos 1232 e 1235. A lenda atribúe ao santo un feito milagroso citado por Vítor Vaqueiro na “Guía da Galiza Máxica” (Galaxia, 1998):“A lenda refire que, estando predicando un día o santo naqueles lugares perante unha grande multitude, unha forte treboada comezou. A xente, arrepiada, dispúxose a fuxir. Telmo conseguiu, sen embargo, partir a grande masa de nubes en dúas metades, que descarregaron a auga ás dúas beiras de onde se achaba o xentío, quedando este, na zona intermedia, sen ser afectado pola chuvia”.