Espazo Fest, o festival que se desenvolve en varios pazos de Nigrán, terá unha segunda edición este ano e comezará o 5 de agosto coa actuación da banda madrileña Taburete. Esta primeira actuación terá lugar no fermoso xardín do Pazo de Cea, pero non será a única. Nas vindeiras semanas anunciaranse máis artistas de primeiro nivel, que actuarán neste mesmo pazo e nos xardíns tamén do Pazo de Urzaiz.
Taburete regresan a Espazo Fest, despois da actuación do pasado ano, que se converteu nunha gran festa. Nesta ocasión, regresan co seu novo disco ‘Matadero 5’ e coa súa nova xira ‘Caminito a matadero’. O grupo de Willy Bárcenas e Antón Carreño ten un repertorio festivo ideal para unha actuación de verán ao aire libre. Para celebrar este concerto de apertura, Espazo Fest lanza unha gran promoción, coas primeiras 200 entradas a un prezo reducido de 20 euros. As persoas que non cheguen a esta oferta, terán outras 300 entradas a 25 euros e o aforo restante venderase a un prezo final de 30 euros.
Espazo Fest naceu o pasado ano como unha alternativa ao aire libre, para poder gozar os concertos malia as restriccións da pandemia. O concepto do festival pasa pola música nos xardíns dos pazos de Nigrán cunha conexión coa gastronomía, o patrimonio e o espazo botánico.
A idea tivo unha gran acollida, e máis de 6.000 persoas pasaron o pasado verán pola primeira edición do festival, que contou con artistas como Iván Ferreiro, Coque Malla, Marlango, Carlos Sadness ou La Bien Querida. Este ano tamén está previsto a presenza de bandas locais, seguindo a filosofía de combinar artistas consagrados con oportunidades para grupos emerxentes.
Estas actuacións que teñen lugar antes da actuación principal, lévanse a cabo en pequenos recunchos con encanto dos pazos, que van desde hórreos a pombais, pasando por un lagar ou unha fonte blasonada. A proposta do festival é vivir unha experiencia singular na que a música sexa un reclamo para achegarse a ese tesouro pouco coñecido que é o patrimonio arquitectónico dos pazos. Trátase de desfrutar destes espazos, moitos deles pechados habitualmente ao público, e deixarse envolver pola natureza dos xardíns onde medran magnolios señoriales e camelias centenarias. Cada unha das actuacións terá un aforo máximo de 2.000 persoas de pé, e nas vindeiras semanas está previsto o anuncio de novos grupos.
As entradas para Taburete xa están dispoñibles a través da plataforma TeuTicket, onde nos vindeiros días se darán a coñecer máis detalles do festival, nomes de bandas locais e de grupos que encabezarán este festival que se celebra en Nigrán.