O Concello de Nigrán ofrece este sábado 11 no muíño de Porto do Molle a partir das 20:00 horas unha foliada coas pandereteiras do Sobreiro e a actuación ‘De ramo en ramo’, da intérprete Leni Pérez e o acordeonista Roberto Comesaña (este é o seu primeiro traballo discográfico conxunto, cun amplo repertorio tradicional que xira en torno á figura da muller).
As miñoranas ‘Pandereteiras do Sobreiro’ xa actuaron con gran éxito na inauguración do muíño o día 20 de abril ao ter arranxado un tema facendo mención ex-profeso ao devandito muiño.
En apenas dúas semanas, o muíño xa se consolidou como referente cultural de Nigrán, acollendo esta semana aos escolares do municipio a súa primeira celebración oficial dos ‘Maios’ e un concerto de ‘Os alegres do Val Miñor’. Ademais, será o escenario da maior parte das actividades que se levarán adiante ata o 31 de maio con motivo das Letras Galegas.
«Estamos moi orgullosos de poder empregar o muíño para festexar algo tan ancestral da nosa cultura como os Maios, nestes espazos naceron as muiñeiras, así que non hai mellor lugar para as Letras Galegas en Nigrán», explicou o alcalde, Juan González, na festa dos Maios, este xoves.
Trátase dunha actividade encadrada na programación municipal das Letras Galegas, xa que servíu para dar a coñecer a figura da homenaxeada de Luísa Villalta. Así, cada centro educativo (CEIP Mallón, CEIP Humberto Juanes, CPI Arquitecto Palacios e CEIP Carlos Casares) participou coa exposición de cadanseu maio no recinto e, a maiores, gozaron dunha actuación de Trémola Teatro ao aire libre sobre a vida e obra de Villalta. A maiores, os preto de 120 estudantes de Infantil e primeiros anos de Primaria visitaron o rehabilitado muíño de Porto do Molle para coñecer in-situ como funcionaba esta construción tan tradicional na arquitectura galega.
Este venres, ás 20:00 horas, acolle o concerto de ‘Os alegres do Val Miñor’, unha actividade encadrada na celebración das Letras Galegas durante todo o mes. Trátase dun grupo formado por dúas gaitas, catro acordeóns, dous saxos, e percusión no que os seus integrantes son veciños de distintas parroquias do Val Miñor.
Actividades culturais durante todo o mes
Pola súa banda, o domingo a partir das 20:00 horas no Auditorio Municipal terá lugar o tradicional concerto das Letras Galegas da coral anfitriona Novos Aires de Nigrán e a invitada Os Penediños (Atios).
A programación polas Letras Galegas continúa o martes 14 e xoves 16 na Biblioteca Municipal de Nigrán a partir das 18:00 con contacontos infantís (‘A orixe’, de Raquel Queizás e ‘Contamos en Igualdade’, de Eduvía, respectivamente).
O propio día das Letras Galegas, 17 der maio, terá lugar a actuación do grupo Varalonga en homenaxe a María Luisa Villalta e Bernardino Graña (escritor galego de referencia que vive nunha residencia de Nigrán desde hai décadas).
Pola súa banda, a tarde do sábado 18 estará adicada á cativada cos brinquedos tradicionais de ‘Xogando Miudiño’ e actividades de Teatro do Ar.
Finalmente, o venres 31 de maio péchase a programación na Praza do Concello coa obra ‘De Vilatriste a Vilalegre’, de ‘Utópica Rodante’, do Centro Dramático Galego.