Este novo espazo de 500 metros cadrados, realizado por operarios municipais cun orzamento de 72.000 euros a cargo do remanente de tesourería, está situado entre as rúas Damas Apostólicas e Romana Alta, nun lugar anteriormente sen uso e carente de calquera atractivo. O goberno de Nigrán levou adiante este proxecto co obxectivo de potenciar e por en valor a zona comercial de A Ramallosa ao tempo que crea zonas de ocio e de convivencia cidadá, tal e como fixo coa Praza do Peregrino en Priegue ou coa fonte seca de Praia América.
«Supón un novo atractivo que se sitúa na ruta do Camiño Portugués pola Costa e no corazón do comercio da Ramallosa co fin de apoiar ambos aspectos e darlle valor ao entorno», sinala o alcalde, Juan González, quen destaca «o apoio, consenso e colaboración» de tódolos comerciantes da zona para levalo adiante. «O anterior espazo non se empregaba en absoluto, carecía de calquera interés. Agora sí será un núcleo de esparcemento para tódalas idades porque conta con parque intantil, unha zona verde, bancos á sombra… Será un lugar no que os nosos veciños, peregrinos e visitantes poderán desfrutar de verdade do espazo público de Nigrán», resume. Así, tres oliveiras centenarias presiden nun extremo a zona verde, no centro unha pérgola de acero inoxidable protexe a zona de bancos e, no outro extremo, un parque infantil con torre, columpios ou rede trepadora servirá de recreo para os cativos.
Panel coa historia
Un panel informativo glosa ademais toda a historia da Feira da Ramallosa, evento histórico da comarca coa que foi bautizada a praza por situarse nesta zona. Toda a información contida foi glosada polo alcalde de Nigrán, Juan González, e Anxo Rodríguez, ambos historiadores.
O antigo mercado de gando viviu o seu momento de máximo esplendor nos anos 30, momento en que se unifican aquí as antigas feiras. A sesión extraordinaria do Pleno do concello de Nigrán celebrada o 8 de febreiro de 1931 tratou a conveniencia de “trasladar ao barrio de A Ramallosa, da parroquia de San Pedro, as feiras que dende tempo inmemorial se veñen celebrando os dias 2, 7 e 25 de cada mes nos barrios de “Souto”, “Carrasca” e “Cean” e que todas elas deixaron de existir por diversas causas, “entre las cuales, sin duda, la principal fue la dificultad de llegar hasta las mismas, por falta de vías de comunicación”. O contrato de arrendamento con Don Ramón Besada, Don Manuel Besada, Dona Filomena Diéguez, Don Bernardo Carrera e Don Camilo Carrera, propietarios dos terreos onde se celebraría a nova gran feira da Ramallosa, pecharíase o 20 de febreiro de 1931 mediante unha renda anual de 42 pesetas por ferrado de semente. E este era o lugar axeitado xa que “A Ramallosa é actualmente o centro de movemento do Val Miñor e a feira podería ter vida próspera xa polo número de estradas que a cruzan e por ser tamén o centro do tráfico de tranvías, sendo de advertir que este movemento vai en aumento continuamente”. O 9 de febreiro de 1946, 15 anos despois deste pleno de creación da feira, os propietarios dos terreos presentan unha reclamación ante a corporación municipal na que solicitan a extinción do contrato de arrendamento, finalizando coa obriga do Concello de desaloxar e rematando así este popular evento.
Na Feira de A Ramallosa podíanse atopar tratantes ou tranquillóns, aqueles que traficaban con gando vacún; porqueiros, que vendían porcos para a recría; cabreiros, se vendían cabras; ovelleiros se vendían ovellas, e poleiro ou galiñeiro, se se dedicaba á compravenda de aves de curral. A maioría criaban eles mesmos os animais que logo vendían, especialmente os porcos. Estabecíanse prezos de 500 reais por un touro ou a xunta de bois a mil duros.
O camiño cara o campo da feira era todo un rito cotiá. De Vilariño, Camos, Chandebrito, San Pedro ou Parada chegaban tratantes como Pepe de Marín, que compraba gando vacún na Casa do Chaveiro ou na do Coxo de Parada e aumentaba o gando á venda, ao igual que Tío José O Pipa. Segundo o animal que se vendía, o camiño a pé facíase dun xeito ou doutro, sempre con este por diante e para levar a bois e vacas servíanse dos aguillóns (paus longos cunha punta de ferro no extremo que eran empregados para estimular aos animais facéndoos encamiñar).
Xa na feira os donos esperaban ao lado das súas facendas apoiados no aguillón a un comprador que cando chegaba, miraba o gando sen mostrar demasiado interese e íase. A partir deste momento comezaba un ritual entre comprador e vendedor, no que se daban voltas arredor do animal, ao que se lle facía mover e preguntando dun xeito despectivo cando se pedía pola res. Non faltaba un minucioso exame no que se palpaban detidamente as rexións importantes.Tras disto comezaba un tira e afrouxa co que se iniciaba un regateo no que o vendedor mantiña o concertado mediante a súa palabra. Antes ou despois, o trato remataba cunhas palmadas nas costas e coa marcación do animal mercado.