A programación inclúe tamén a oportunidade de gozar do dúo formado para a ocasión polo pianista Abe Rábade e o guitarrista Virxilio da Silva, os dous músicos galegos máis relevantes no panorama nacional, que homenaxearán xuntos a histórica colaboración entre o pianista Bill Evans e o guitarrista Jim Hall.
Finalmente, a actuación do contrabaixista portugués Gonçalo Leonardo e a música para bailar ao estilo swing de The Alley Stompers completan o cartel xunto ás xa tradicionais master-class e as jams sessións posteriores aos concertos.
Coma o ano pasado, o evento gastronómico ‘Rilla na rúa’ acompañará ao Nigranjazz coas súas camionetas con comida gourmet aparcadas no paseo de A Foz.
O cartel deseñado polo nigranés Andrés H. Bonador (ver abaixo xunto cos horarios) será o empregado para difundir esta undécima edición tras resultar gañador entre as 42 propostas presentadas ao concurso Quin Alborés.
O xurado destacou o seu nivel artístico reflectido na elegancia da composición, a sinxeleza aparente no resultado, o efecto colorista, o seu detallismo e a reminiscencia que fai ao jazz máis clásico.