A mostra, de carácter itinerante, inclúe pezas de máis de 1.000 quilos que representan a un ferreiro, unha costureira ou un canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá. As obras están emprazadas nun lugar moi frecuentado nos meses de verán e onde chamarán notablemente a atención e son especialmente visibles para os veciños e os turistas.
Trala súa inauguración este martes, a presidenta da Deputación de Pontevedra, entidade da que depende a Escola de Cantería, salientou as saídas profesionais do centro. Carmela Silva presumiu de que exalumnos e exalumnas do centro atópanse hoxe en día realizando “obras de rehabilitación en edificios emblemáticos como o Capitolio en Washington, a Sagrada Familia de Barcelona ou a Catedral de Santiago”.
A mandataria socialista fixo fincapé na relación entre o emprazamento da exposición e a súa temática, lembrando que “Praia América recibe este nome precisamente polas mulleres e homes de Nigrán e do Val Miñor que emigraron cara América. Por iso non se podía elixir sitio mellor para esta exposición que, xunto aos oficios tradicionais, recolle a temática da emigración”.
Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, manifestou que foi “doado” unirse a esta iniciativa que inclúe obras de “grande relevancia e calidade” e que se lle facilitou ao concello “de forma totalmente gratuíta”. Así mesmo, sinalou que o espazo elixido para a exposición é o mellor posible xa que “a arte debe estar situada onde están milleiros de persoas, e non pechado nun recuncho”.