O Concello de Nigrán continúa este xoves 31 de outubro e o venres 1 de novembro coa programación especial de Samaín con sendas festas dirixidas á infancia no Auditorio Municipal.
Así, o Concello ofrece este xoves, a través da cooperativa ‘MilRamas’, un obradoiro de luces e sombras con cinco recunchos diferentes de xogo libre e desestructurado empregando materiais luminosos e luminiscentes, teas, disfraces e aparellos de creación propia nas que as bruxas, os pantasmas e os zombies forman parte da festa.
Está dirixido a crianzas a partir de 3 anos, debendo acudir acompañados na franxa de idade de 3 a 5 anos.
Este obradoiro comezará ás 17:00 e dividirase en tres pases de 50 minutos, polo que é preciso inscribirse previamente a través de whatsapp no 617922820 indicando nome completo, idade e quenda á que asistirá (primeira, segunda ou terceira).
Finalmente, o Rei Midas pechará o Samaín nigranés o venres 1 de novembro ás 17:30 horas co espectáculo ‘Museo Máxico e festa neón party’ no Auditorio Municipal con entrada libre ata completar aforo. Na festa realizará un espectáculo de maxia e as crianzas poderán xogar con material lumínico.
Por outra banda, o Concello de Nigrán continúa este sábado 2 de novembro co ‘Outono de Teatro’ coa obra ‘Vivir con Huntington’ da compañía viguesa ‘O Trasno’ (SVCD Nautilus de Comesaña) ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.
Trátase dun drama de 50 minutos dirixido a un público adulto e dirixido por Xaime Costas. A entrada é de balde ata completarse o aforo.
A enfermidade de Huntington é herdable e provoca o desgaste dalgunhas células nerviosas do cerebro . Non a coñeces. Sabes de outras semellantes, pero desta non. É unha máis, que pode asustar, pero coñecela, saber das súas características, pode axudar moito a que desapareza. Acompáñanos nesta viaxe e, o que aprendas, espállao….