Os cinco vehículos deportivos adaptados do Concello de Nigrán volveron este venres a rodar polas rúas do municipio tras meses de restricións debido á pandemia. Como era habitual antes da crise do Covid-19, familiares e voluntarios de Discamino (entre os que se atopan axentes da Policía Local de Nigrán) con outros catro ciclos desta entidade ofreceron un paseo pola costa a usuarios do CEE Juan María de Parada (Nigrán).
Durante este tempo os roteiros quedaran reducidos ás posibilidades que outorgaban as normas sanitarias en cada momento, así que onte pola tarde, aproveitando o bo día, puideron saír ao fin á rúa cos vehículos de Discamino e os cinco municipais: unha bicicleta adaptada con cadeira de rodas, outra igual pero con motor eléctrico, unha cadeira todoterreo mono-roda tipo Joëlette, dous triciclos tándem tipo co- pilot e unha bicicleta adaptada. Todos estes, con base no Pavillón Municipal, forman parte da iniciativa do goberno local ‘Un Nigrán para todos’ e son empregados cada semana por usuarios do CEE Juan María, estando igualmente dispoñibles para toda aquela persoa que o desexe.
O Concello de Nigrán enviou a semana pasada unha carta oficial á Vicepresencia da Xunta co obxectivo de sumarse á campaña da Xunta para impulsar a candidatura de Francisco Javier Pitillas Torra, responsable da iniciativa Discamino, ao Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021 pola súa labor solidaria que posibilita que persoas con diferentes tipos de discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago. O propio alcalde de Nigrán, Juan González, comunicou persoalmente a Pitillas esta iniciativa do Concello.
O Concello de Nigrán ten a honra de contar desde hai anos coa colaboración de voluntarios de Discamino, e do propio Javier Pitillas, para que persoas con discapacidade poidan gozar de paseos ou roteiros nos vehículos deportivos adaptados adquiridos polo consistorio no 2017. Por esta razón, o goberno de Nigrán dá testemuña do beneficio desta iniciativa para os usuarios e tamén para a propia sociedade: a través do deporte adaptado aporta calidade de vida e retos ilusionantes ás persoas con diversidade, beneficia incriblemente a súa saúde física e mental e subliña a necesidade dunha accesibilidade universal.