Asimesmo, nos casos en que estas árbores non prenderan ou presentaran graves problemas, o Concello, a través da empresa concesionaria Brocoli, plantará unha nova especie que se adapte mellor ao terreo. «Moitos exemplares están a medrar mal porque carecen de terra suficiente e ímos a tratar de recuperalos con guías, outros hai que replantalos directamente pero será cunha especie máis resistente», explica o rexedor, Juan González.
O convenio do Concello de Nigrán co Centro Juan María foi aumentado por este goberno de 12.000 a 18.000 euros anuais co obxectivo de que a brigada de xardinería que dende hai anos traballa en terreos municipais asumira tamén o mantemento das beirarrúas do polígono de Porto do Molle. «Esta suba do orzamento permite que se leven a cabo, entre outras cousas, os traballos nas árbores», incide González. A brigada, integrada por seis persoas, conserva varios espazos verdes municipais, entre eles os xardíns da casa consistorial ou o cemiterio de Parada.
Por outra banda, o Concello de Nigrán encargou tamén ao Centro Juan María a instalación dun peche perimetral de madeira no parque Carlos Casares de A Ramallosa por valor de 1.650 euros e que estará rematado esta semana. O obxectivo do mesmo e evitar os excrementos de cans na area, feito que se denunciara en numerosas ocasións.